José Teixeira, profesor de política cultura da Universidade de São Paulo, estará este martes na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago, para falar do mercado, e da industria cultural e dos seus retos nunha sociedade do coñecemento plenamente inserida nas plataformas 2.0 e no emprego estendido dos dispositivos móbiles. Teixeira, lembra o CCG, chega a Compostela para afondar, entre outras cousas, na súa afirmación de que “os smartphones son o segundo cerebro dos habitantes do século 21”. O relatorio do profesor brasileiro insírese na xornada que pecha o ciclo Desafíos do ecosistema cultural galega ante a Axenda Europea 2020.
Teixeira tamén centrará a súa intervención en analizar o papel crecente que a cultura está a desempeñar no sistema económico e no que cómpre diferenciar o consumo cultural do uso da cultura. Nese sentido, apunta á mediación tecnolóxica, os smartphones, que na súa opinión están a experimentar arestora un moi salientable espallamento que cómpre atender de perto e de certo aproveitar. A súa intervención titúlase Desafíos da cultura no ecosistema comunicativo do século XXI.
O ciclo no que se insire este relatorio conta en labores de coordinación con Xosé López e oriéntase a amosar a relevancia e o papel que desenvolve a cultura nas estratexias europeas.
Na última xeira de traballo participan tamén Paz Castro da editorial Kalandraka, Emma Lustres da produtora Vaca Films e Asunta Rodríguez da Galeria Trinta, que contarán as súas experiencias prácticas sobre o mercado e a industria. Esta sesión está coordinada pola catedrática Margarita Ledo.
As posibilidades de negocio cultural na mediación tecnolóxica, ao detalle nunha xornada do CCG
Compartir Este Artigo
