A Deputación de Lugo vén de facer balance da actividade xerada a través do seu programa de impulso do Campus local, unha iniciativa posta en marcha hai un ano polo organismo provincial e pola Universidade de Santiago e que xira agora (en boa medida) arredor do portal paraestudarlugo.com, que foi obxecto de 5.000 visitas en só unha semana. Este programa (chamado Plan de Choque) ten como recordaremos o obxectivo de incrementar o número de mozas e mozos que optan por formarse nos estudos superiores que se achegan na Cidade da Muralla, amais de potenciar a todos os niveis o traballo do Campus.
Segundo lembraron ante os medios a semana pasada o presidente da Deputación e o vicerreitor do Campus, José Ramón Gómez Besteiro e Javier Bueno Lema, o 40% das visitas á dita paxina proviñeron do estranxeiro, de países como Rusia, Estados Unidos ou Alemaña. As publicacións dende o Facebook da Deputación sobre a campaña tiveron un alcance de máis de 10.000 persoas.
No balance do Plan de Choque tamén se fixo saber que grazas á iniciativa incrementouse nun 40% a matrícula nas titulacións nas que non se cubrían as prazas. “Este ano”, sinalaron, “as expectativas son aínda mellores grazas ás axudas que ampliou a Deputación de Lugo”. Este fortalecemento do programa materializouse no impulso á web paraestudarlugo,com, que na semana que leva activa recibiu máis de 5.000 visitas de todos os recantos de Galicia e España, sobre todo dende a provincia de Lugo, aínda que o 11% foron dende Madrid e o 3% dende Barcelona. Como dixemos, o 40% das visitas tiveron a súa orixe no estranxeiro, de países como Rusia, Estados Unidos ou Alemaña; “feito que demostra que esta campaña está a fomentar o Campus de Lugo alén das nosas fronteiras” explicaron Gómez Besteiro e Bueno Lema.
A través da campaña a Deputación ofrece por segundo ano consecutivo descontos do 50% nos custen da matrícula a estudantes que se matriculen por primeira en 10 graos do Campus de Lugo. Son os seguintes: Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais; Enxeñaría Civil; Enxeñería en Xeomática e Topografía; Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Lingua e Literatura Españolas; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; Relacións Laborais e Recursos Humanos; Xestión de Pequenas e Medianas Empresas; e Administración e Dirección de Empresas. O desconto do 50% aplicarase de xeito automático no momento de pagar a matrícula.
O Plan de Choque que Deputación e USC puxeron en marcha o ano pasado, promocionando Lugo como cidade universitaria, rompeu coa tendencia á baixa de alumnos que experimentaba o Campus de Lugo. “Deste xeito”, engadiron o presidente e o vicerreitor, “as titulacións con menor demanda, cuxa primeira matrícula custeou ao 50% o organismo provincial, experimentaron un incremento do 40% no curso 2014-2015, pasando de 137 estudantes a 191”. Neste senso salientaron a suba de graos como o de Ciencias da Cultura, que pasou de 12 a 45 alumnos.
A web paraestudarlugo.com recibiu máis de 5.000 visitas en só unha semana
Compartir Este Artigo
