Lisboa acolle estes días (dende hoxe a pasadomañá) un gran encontro tecnolóxico de alcance europeo sobre unha cuestión que nos atinxe de preto, tanto como desenvolvedores de novos xeitos de tirar información dos obxectos e comunicármonos con eles como no papel de usuarios: a cuestión da Internet das Cousas, coñecida polas súas siglas en inglés como IoT. O encontro IoT Week 2015, evento adicado á creación de asociacións e contornas para “asegurar o despregamento rápido de solucións interoperables e replicables no eido IoT”, contará con presenza galega. Máis polo miúdo a do centro tecnolóxico Gradiant, encargada de comandar o Grupo de Traballo 6 (WG6), sobre actividades agrícolas intelixentes e seguridade alimentaria.
Segundo nos lembra Gradiant facendo fincapé na temática do encontro (e o seu alcance), a Internet das Cousas representa o seguinte paso cara á dixitalización da nosa sociedade e a nosa economía, “un futuro no que os obxectos e as persoas estarán interconectados a través de redes de comunicación, informarán e mesmo poderán interactuar sobre o seu estado e o da súa contorna”.
Respecto do evento que se celebra esta semana en Lisboa, o centro galego recorda que o seu obxectivo é vencellar á comunidade investigadora e innovadora da Internet das Cousas co sector empresarial: “Porase o foco sobre as novas oportunidades emerxentes e promoverase a cooperación internacional en asuntos de importancia estratéxica, como os retos sociais e de mercado aos que a IoT deberase de enfrontar no futuro”.
Durante o evento, Gradiant organiza a reunión de traballo do WorkGroup 6 de AIOTI (Alliance for Internet of Things Innovation), e participará en reunións de traballo doutros grupos dentro da Alianza.
Gradiant participa activamente na Semana da Internet das Cousas 2015, en Lisboa
Compartir Este Artigo

