Esta mañá celebrouse unha xornada técnica sobre directivos na nova industria, organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o IGAPE, na que afondaron na aplicación das TIC para a xestión masiva de datos e a ciberseguridade como elementos chave dentro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que recolle unah serie de medidas prioritarias a desenvolver ata 2020 e que destinará 120 millóns de euros nos dous primeiros anos para promover a reinvención da industria galega para acadar un modelo máis competitivo orientado a fábrica intelixente.
No encontro, o director xeral do IGAPE, Javier Aguilera, salientou que entre as actuacións que van pórse en marcha figuran programas de apoio ao desenvolvemento de proxectos piloto no ámbito da Industria 4.0, servizos de asesoramento para procurar que as pequenas empresas emprendan o camiño cara á súa transformación en empresas intelixentes e liñas de capacitación de técnicos nos ámbitos específicos da nova industria.
Aguilera insiste na importancia de integrar a automatización, a robotización, a dixitalización e a conectividade para poder competir no mercado global, sendo tamén de grande importancia do Big Data para poder adoptar as mellores decisións, optimizar os procesos produtivos e converter así a fábrica tradicional nunha fábrica intelixente que inclúa procesos de sensorización masiva.
A xornada técnica tamén incluíu relatorios de expertos sobre a fabricación intelixente, a Internet das Cousas, a xestión de riscos e a ciberseguridade, chegándose a expor exemplos prácticos de actuacións modélicas en materia de ciberseguridade industrial.
O IGAPE axudará á transformación da nosa industria a través das TIC
Compartir Este Artigo

