O lanzamento do servizo musical a través de streaming de Apple anunciado hai un par de semanas está a dar máis que falar do que á compañía da mazá lle gustaría pois, por unha banda, está a quedar claro que as súas afirmacións sobre o catálogo musical co que contarán non se corresponderá coa realidade (daban por feito que todo músico que vendese a través de iTunes aceptaría a súa incorporación en Apple Music) e finalmente parece que vai quedar cun catálogo moi semellante ao de iTunes (hai formacións que se negan a ofrecer a súa música a través de streaming sen importar a compañía que estea detrás do servizo).
Pero nos últimos días a cousa foi a peor, xa que desvelouse un detalle bastante polémico que facía quedar a Apple nunha posición moi mala: durante os 3 meses de proba do servizo, que ofreceranse de balde aos usuarios, a empresa de Cupertino non tiña pensado pagar aos músicos por ofrecer a súa obra.
A vergoñenta práctica de Apple de realizar unha promoción a costa dos artistas fíxose pública a través dunha carta aberta de Taylor Swift, cantante que rexeitou distribuír o seu último álbum a través de Spotify por considerar que as cantidades que paga tal servizo non son xustas, e que desta volta levaría a súa perrencha moito máis aló, asegurando que a súa protesta non é persoal, xa que asegura que é quen de manter ao seu equipo grazas ás súas actuacións en directo, senón que considera especialmente negativo para os novos artistas que Apple explote as súas obras sen compensalos economicamente. Swift insisten en que as súas reclamacións non son “as queixas dunha nena petulante”, senón que responden aos sentimentos de cada artista, compositor e produtor dos seus círculos sociais, que non dan a cara porque admiran e respectan demasiado a Apple, pero que en calquera caso consideran excesivo non cobrar durante 3 meses pola súa música, resultando claramente inxusto pedir a calquera que traballe a cambio de nada.
Afortunadamente as palabras de Taylor Swift non caeron en saco roto, e finalmente dende Apple reconsideraron a súa posición e o propio Eddy Cue publicou un chío asegurando que pagarán aos artistas durante o período de probas de Apple Music tras escoitar a Swift e a outros músicos.
Cue asegura que Apple pagará aos músicos durante os tres meses de probas do servizo musical a través de streaming, aínda que a cantidade será diferente que para os períodos de contratación pagados, e basearíase no seu volume de reproducións, aínda que non dan detalles sobre as cantidades que pagarán. Queda por ver se as novas condicións convencerán a Swift para incluír o seu álbum 1989 en Apple Music (xa que non parece que a compensación económica inicial vaia ser satisfactoria) pero cando menos a voz dos artistas escoitouse, e forzouse a Apple a mudar unha práctica condenable que parece froito da súa posición dominante en mercados como o norteamericano, o que permítelle abusos como o que pretendía cometer ata que atoparon unha voz discordante.
ACTUALIZACIÓN (25-6-2015): Taylor Swift anuncia a través de Twitter que Apple Music contará co seu álbum 1989. Tamén coméntase que durante o período de probas Apple podería pagar 0,2 centavos de dólar aos autores por cada reprodución musical e 0,047 centavos de dólar ás distribuidoras de música.
Taylor Swift forza a Apple a compensar aos artistas durante o período de probas de Apple Music
Compartir Este Artigo
