Apple presenta os seus futuros sistemas operativos e un servizo musical

luns, 8 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A pasada tarde Tim Cook abriu a keynote da WWDC, encontro para desenvolvedores no que habitualmente se coñecen as novidades do software de Apple para o que resta de ano, dando paso acto seguido a Craig Federighi, quen se encargou de revelar as novidades que achegar a vindeira versión de OS X, que levará por nome El Capitan, e que xa conta cunha versión preliminar que permitirá comprobar as súas prestacións antes do seu lanzamento definitivo no outono.
Entre as novas características destaca a Split View, que divide a pantalla en dúas partes para cando queremos centrar a nosa atención en dúas aplicacións á vez (por exemplo, para buscar nun mapa un restaurante mentres quedamos cun amigo para cear nun chat) sen ter que axustar manualmente o tamaño das fiestras. Tamén mellora a aplicación de Correo, o buscador interno, a aplicación de Notas, o navegador Safari (que agora permite fixar pestanas)... e como importante novidade integrarase Metal en OS X, tras o seu éxito en iOS, o que espérase que sexa unha importante mellora para a potencia gráfica dos xogos.

iOS 9

A nova versión do sistema operativo móbil de Apple, iOS 9, corrixe numerosos fallos detectados en versións anteriores e mellora substancialmente Siri, que convértese nun asistente capaz de anticiparse ao usuario na liña de Google Now (por exemplo, suxerindo o contido a reproducir cando conectamos uns auriculares ao móbil ou facilitando a creación dun evento no calendario cando recibimos unha confirmación dunha reserva por correo electrónico), aínda que insistindo dende Apple en que non identifican ao usuario en ningún momento, deixando que o control da información quede nas mans do usuario
Jennifer Bailey falou de Apple Pay, anunciando a incorporación das tarxetas Discover no outono, data na que tamén abriranse ao novo lector de Square. Para o mes que vén esperan chegar ao millón de localizacións con Apple Pay nos EE.UU., e no mes de xullo levarán o servizo de pagamentos a Reino Unido.
Volvendo a iOS, unha das aplicación que mellora considerablemente é a de Notas, que incluso acepta bosquexos realizados a man, converte listaxes de elementos en checklists (para, por exemplo, ir tachando os elementos da nosa listaxe da compra) e incluso permite gardar unha fotografía como anotación.
A aplicación de Mapas continúa a avanzar, e a súa principal mellora sería a nova vista de Tránsito, de xeito que achegará información sobre os medios de transporte públicos nalgunhas cidades do planeta. Tamén inclúe un apartado chamado Nearby na que facilita a localización de establecementos nas proximidades como restaurantes, ultramarinos, panaderías, pastelerías...
Susan Prescott, vice-presidenta de Marketing de Produto, anunciou News, unha nova aplicación de novas que presenta artigos informativos de actualidade en función dos intereses do usuario, no que poderiamos considerar como unha mestura entre Flipboard e Google Currents, que contará con contidos de numerosos editores tradicionais, e que poderá empregarse tanto no iPad coma no iPhone, aínda que polo momento só funcionará en EE.UU., Australia e Reino Unido.
iOS 9 presenta QuickType, unha solución para poder teclear e editar máis rápido, mellorándose tamén o funcionamento cun teclado externo (que agora permiten saltar entre distintas aplicacións), aínda que o máis rechamante sería a apertura da multi-tarefa con funcionalidades como Slide Over (que permite abrir nunha parte da pantalla unha segunda aplicación sen abandonar a aplicación actual, para facilitar a consulta dun dato en concreto, mentres que con Split View permitiríase a división da pantalla en dúas partes para poder correr dúas aplicacións á vez de xeito totalmente autónomo. No caso de aplicacións de vídeo esta funcionalidade aínda iría máis aló, e contarían con Picture in Picture, ou sexa, que sería posible ver un vídeo en reprodución nunha fiestra de tamaño reducido mentres empregamos outra aplicación a pantalla completa.
Outro dos bombazos da presentación foi Swift 2, nova versión da ferramenta para a creación de aplicacións para iOS, que este mesmo ano pasará a ser de código aberto, de xeito que estará dispoñible para iOS, OS X e Linux.
iOS 9 estrea hoxe versión de proba para desenvolvedores, chegando a súa beta pública en xullo e a súa versión definitiva no outono.

Potenciando o Apple Watch

O novo produto da compañía, o Apple Watch, tamén recibirá grandes novidades no outono con watchOS 2, revisión do seu sistema operativo que, aparte de pequenas melloras, ten unha grande novidades: aplicacións nativas que poderán correr código no reloxo, de xeito que se reduce a dependencia do teléfono (que creaba unha experiencia de uso bastante frustrante, chegando a apagarse a pantalla do reloxo antes de que o teléfono fose quen de abrir algunhas aplicacións).
O Apple Watch tamén permitirá viaxar no tempo nalgunhas aplicacións movendo a coroa dixital, contará cun novo nocturno no que converterá o reloxo de pulso nun espertador mentres o cargamos de noite, permite responder a correos electrónicos, deixa engadir a máis amigos (organizándoos en grupos) e abre aos desenvolvedores o acceso a numerosos elementos do reloxo (como o micrófono, o altofalante, a reprodución de vídeo, o acelerómetro, a coroa dixital ou o motor táptico). O reloxo tamén poderá comunicarse con HomeKit, permitindo así, por exemplo, o control da iluminación doméstica dende o reloxo.

Apple Music, o Spotify de Cupertino

O One More Thing foi Apple Music, servizo presentado por Jimmy Iovine, quen fundara Beats Electronics con Dr. Dre, destacando Apple Music como un servizo musical revolucionario, que conta cunha radio global as 24 horas e cun novo xeito de conectar cos artistas.
O servizo achega as ducias de millóns de cancións dispoñibles en iTunes para a súa reprodución en streaming ou para a súa escoita fóra de liña, contando con listaxes de reprodución personalizadas por expertos e non só por algoritmos, o que viría a converterse nun competidor directo de Spotify.
Con Beats 1 achegarán unha emisora de radio con música, entrevistas, convidados, novas, cultura... contando entre as súas voces con Zane Lowe, todo un referente nas entrevistas da industria musical, aínda que Apple Music tamén facilitará a creación da nosa propia radio musical en base a información que lle subministremos.
Apple Music terá Connect, un sistema que permitirá que permitirá que os artistas poidan compartir as súas últimas pistas, fotografías detrás da escena, letras ou novas mesturas, facilitando a interacción co usuario (esforzo no que Apple xa fracasou no pasado).
Eddy Cue fixo unha longa demostración de Apple Music, demostrando como funcionan as súas listaxes de reprodución e incluso os seus vídeos musicais (conta con milleiros dos mesmos e sen publicidade).
O servizo de Apple Music botará a andar o 30 de xuño en 100 países con iOS 8.4 para iPhone, iPad e iPod Touch (e como actualización en iTunes para OS X), mentres que a súa versión para Windows e Android non chegará até o outono. O seu prezo derá de 9,99 dólares/mes para un particular (cos 3 primeiros meses de balde) existindo a posibilidade de subscribir a unha familia de até 6 membros por 14,99 dólares/mes.
O evento pechou con The Weeknd interpretando o seu novo tema Can’t Feel My Face.


Vídeo promocional de Apple Music

PUBLICIDADE