A Illa de San Simón vai ser un fervedoiro de propostas tecnolóxicas entre os días 17 e 22 de xullo. O motivo? A celebración de Exploradores.15, unha actividade que trae da man medio centenar de especialistas en tecnoloxías de todo o mundo (con estadía na propia illa) e que abrangue, no seu programa, a celebración dunha ampla e variada serie de obradoiros sobre “ferramentas e materiais de traballo únicos”, segundo sinala a organización de Exploradores.15, a escola tecnolóxica do Festival Sinsal Son Estrella Galicia.
As temáticas sobre as que se vai apoiar a actividade, moitas delas entrecruzadas, son as seguintes: arte, deseño, interacción, música e novas tecnoloxías. Entre outros representantes da investigación nestes ámbitos, a iniciativa contará coa presenza da investigadora hacker grega Afroditi Psarra ou o fundador de CartoDB Sergio Álvarez.
En palabras dos organizadores, Exploradores.15 é ante todo “unha semana estival de intercambio e formación dirixida a persoas creativas interesadas na música, na arte e na interacción con ganas de aprender últimas tecnoloxías nunha contorna espectacular: non hai nada semellante en España nin no mundo”.
En definitiva, estamos ante un evento que “busca pór en contacto a artistas de diferentes países e relacionar arte con ciencia e tecnoloxía; promover sinerxias entre profesionais de distintos ámbitos e desenvolver ideas ou proxectos que promocionen o patrimonio material e inmaterial do lugar”.
Amais de Afroditi Psarra (hacker grega que afonda no seu traballo na relación entre cultura pop, vestido, electrónica e a filosofía de faino ti mesmo) e Sergio Álvarez (fundador de CartoDB, unha existosa startup tecnolóxicas española centrada en tirar proveito das potencialidades da información masiva e os mapas interactivos), a actividade contará tamén coa participación de Antonio V. García-Serrano, fundador de Zakato e investigador en imaxe 360º e tecnoloxías de inmersión.
A escola, pensada para un alumnado de 30 a 50 persoas, estará organizada en catro obradoiros de 12 horas de duración que se impartirán de forma paralela nas instalacións da illa. Falamos destas catro áreas de actuación: Inmersive 360º, Audio Interaction, Carto Development e Tecnoloxía wearable.
Segundo lembran os organizadores, Exploradores.15 participa con diferentes entidades e patrocinadores nun modelo de bolsas, das que se benefician boa parte das persoas matriculadas. De feito, a escola tecnolóxica nace en boa medida grazas á conexión de Exploradores.15 coa Universidade de Vigo a través de CampusCREA, proxecto de especialización do Campus de Pontevedra.
San Simón acolle en xullo unha escola sobre arte, ciencia e tecnoloxía: Exploradores.15
Compartir Este Artigo
