
Boa parte desta vertente tecnolóxica e innovadora materializouse a través do viveiro de empresas do polígono de Costa Vella, que en palabras de Asorey “representa o espírito emprendedor e a capacidade de impulso da creación de empresas que ten a Cámara de Comercio de Santiago”. Así, en 2014 asentáronse nas súas instalacións 15 firmas físicas e 21 decidíronse polo viveiro virtual. A taxa de supervivencia empresarial desta estrutura situouse nun 80 por cento. Ademais, a Cámara puxo en marcha un curso e charlas divulgativas en centros de ensino dos concellos da súa demarcación, e visitas guiadas ás instalacións do viveiro co fin de atopar futuros emprendedores. Realizáronse 23 accións de fomento do espírito emprendedor que contaron coa participación de 736 alumnos.
Xa a un nivel xeral e centrándonos no apartado de formación, a Cámara de Comercio programou durante 2014 un total de 124 accións formativas que contaron coa asistencia de 2.596 alumnos. Informática e novas tecnoloxías, comercio internacional, comercio e distribución, contabilidade e fiscalidade, habilidades sociais, idiomas, financiamento e proxectos europeos, recursos humanos e emprendemento foron as áreas clave de divulgación. Ademais dos cursos propios, leváronse a cabo outras actividades formativas como xornadas ou seminarios, realizados en colaboración con outros organismos e institucións. Segundo explicou o presidente da entidade, “o último ano cubríronse o cento por cen das prazas na formación gratuíta o que confirma o interese polas temáticas presentadas”.
Na área de innovación, transferencia e pulo empresarial, o programa Feira do Coñecemento axudou a que 89 empresas estableceran contacto con centros tecnolóxicos de nivel, asistindo a tres xornadas de sensibilización, para finalmente acadar 24 preacordos de colaboración. No programa de balde InnoCámaras, deseñado pola Cámara de Comercio de España, a entidade compostelá quixo potenciar a presenza da innovación e fortalecer a posición competitiva das pequenas e medianas empresas. En 2014 foron admitidas 51 firmas da demarcación. Con respecto ao programa TIC Cámaras, o pasado ano 29 empresas beneficiáronse da posibilidade de incorporar tecnoloxías da información como ferramentas competitivas “claves na súa estratexia”, informou Asorey, que tamén lembrou que o ano pasado intensificouse aínda máis a comunicación en liña da entidade compostelá, no camiño de espallar e reforzar as súas actividades e servizos pola Rede. Así, ademais da traxectoria consolidada pola súa propia páxina web, a Cámara creou perfís sociais en Facebook e Twitter. A web cameral recibiu en 2014 30.536 visitas, cunha media mensual de 4.886 de visitantes diferentes.
Até 21 empresas apostaron en 2014 polo viveiro virtual da Cámara de Santiago
Compartir Este Artigo
