A organización de consumidores OCU vén de denunciar que as aplicacións móbiles destinadas a escorrentar mosquitos e outros bechos propios do verán non teñen eficacia algunha no seu suposto propósito. A maiores, a plataforma, logo de someter a exame estas ferramentas para dispositivos (que adoitan basearse na emisión de ultrasóns destinadas a arredar aos cínfanos), conclúe que non só incumpren o seu cometido, senón que poden “resultar molestas para os nosos ouvidos”. Este tipo de aplicacións, engade a organización, están dispoñibles de balde nas tendas en liña. Unha das máis coñecidas (e das que foron probadas pola OCU) é Anti Mosquito Sonic Repellent, descargable para iOS e para Android.
Logo dos exames feitos pola plataforma, descubriuse que “as apps reveláronse como completamente inútiles”. De feito, “as picadas nas probas foron as mesmas con aplicación que sen ela”. A cuestión baséase no seguinte: os cínfanos non teñen ouvido co que non poden percibir eses ultrasóns. Pola contra, si que se senten atraidos arrecendos humanos, pola calor ou pola nosa respiración. Conclusión: dificilmente se poderá facer algo para arredalos apelando a algo que non teñen, os ouvidos, e deixando de lado o seu moi desenvolvido olfacto.
Como dixemos, a OCU tamén descubriu que as emisións lanzadas polos trebellos a través das ditas ferramentas móbiles poden amolar a xente co sentido do ouvido máis desenvolvido ou sensible, e tamén a cativos pequenos.
A OCU denuncia a ineficacia das aplicacións antimosquitos
Compartir Este Artigo
