Hai uns meses púxose á venda o LG Watch Urbane como un smartwatch con Android Wear moi elegante, que cos seus materiais e deseño resultaba difícil de distinguir dun reloxo de pulso tradicional, e que cun prezo de 349 euros parecía inaugurar unha gama de reloxos co sistema operativo de Google para wearables de alta gama (mentres que a meirande parte de dispositivos de referencia poden adquirirse por menos de 200 euros) e, en vista do que o público é capaz de pagar por certos modelos de Apple Watch, LG animouse a lanzar unha edición de luxo do Watch Urbane, que nos EE.UU. vai comercializar a cadea de xoiarías REEDS Jewelers a un prezo de venda aproximado de 1.200 dólares (1.072 euros) e do que xa aceptan reservas en liña.
O LG Watch Urbane Luxe chega cun baño en ouro de 23 quilates, correa de pel de crocodilo e unha caixa exclusiva á altura deste coidado produto que diferénciase do seu modelo ordinario tamén no sistema de peche empregado, que é o inventado por Louis Cartier en 1910, e que dálle un acabado de calidade propio dos reloxos de luxo, aínda que dende LG inciden no feito de que non só buscan aparencia, senón tamén calidade, de xeito que o ouro empregado é máis duro e resistente que o ouro de 24 quilates presente normalmente nas xoias e máis pesado que o ouro de 18 quilates empregado habitualmente nos reloxos de luxo tradicionais.
Este novo reloxo de luxo vai pórse á venda nunha edición limitada de 500 unidades, dispoñible inicialmente só nos EE.UU., aínda que esta semana tamén poderase ver na feira IFA de Berlín.
Vídeo promocional do novo LG Watch Urbane Luxe

