O noso ámbito de iniciativas de software libre ten, dende hai anos, un amplo potencial de servizos e recursos tecnolóxicos para organizacións e entidades sen arela de lucro. Consciente disto, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración coa Rede Galega contra a Pobreza, organiza un ciclo formativo sobre solucións abertas orientadas ás entidades do terceiro sector. Este ciclo consta dun total de 35 horas de formación repartidas en 6 obradoiros prácticos sobre diferentes recursos libres, 2 obradoiros de desenvolvemento sobre o xestor de contidos Drupal e unha xornada final de presentación de experiencias de uso de software libre no terceiro sector.
O obxectivo desta iniciativa é, en palabras de AMTEGA, “achegar as posibilidades que ofrece a programación con licenzas abertas ao terceiro sector, dun modo práctico a través da presentación de casos de éxito”. Entre outras cousas, engade a axencia, introducirase aos participantes no manexo de solucións para a creación de portais webs, para a participación colaborativa a través da web, para o intercambio de ficheiros na nube, para a xestión de asociados e captación de fondos e falarase sobre a importancia dos datos xeográficos libres para as actuacións sobre o terreo.
As actividades formativas celebrarase nas instalacións do Centro Demostrador TIC (CDTIC) durante as tardes de todos xoves dende o 10 de setembro ao 15 de outubro en horario de 17:00 a 20:30, e os martes 15 e 22 de setembro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:30 horas. Os obradoiros dos xoves están dirixidos responsables, persoal e persoas voluntarias de asociacións ou entidades do terceiro sector interesados na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica. Os obradoiros dos martes sobre Desenvolvemento de portais web con Drupal, nivel básico e nivel avanzado, están dirixidos a persoal técnico de asociacións ou entidades do terceiro sector interesados no desenvolvemento de webs con este xestor de contidos.
O ciclo arranca o día 10 de setembro co Obradoiro de Solucións de Software Libre para o Terceiro Sector, que pretende contribuír a incrementar o coñecemento da programación aberta (sen licenzas privativas e aberto ao seu enriquecemento por parte da comunidade), da súa ética e de casos de éxito de uso do mesmo. Segundo explica AMTEGA, búscase con este obradoiro “disipar os medos e vencer as resistencias que poidan estar freando a implantación e uso dos programas open source no terceiro sector”.
O prazo de inscrición está xa aberto a través da web do CDTIC. Ademais poderá seguirse tamén a través das aulas da rede CeMIT, para o cal só debe contactar coa súa aula máis próxima para indicar o seu interese en asistir.
O 10 de setembro comeza no CDTIC un ciclo de solucións libres para o terceiro sector
Compartir Este Artigo

