As fotografías de perfil de usuario deberían empregarse para facilitar a identificación da persoa que está detrás dunha conta en concreto, pero en numerosas ocasións aprovéitase para dar conta de distintas reivindicacións políticas e sociais, e conscientes desta tendencia dende Facebook estarían a preparar unha nova funcionalidade que poderiamos ter todos os usuarios en breve, e que foi detectada por algúns usuarios cos que parece que están a probala: consistiría na opción de poder marcar o tempo no que estaría vixente unha fotografía de perfil, ou sexa, que poderiamos ter fotografías de perfil temporais, de xeito que tras marcar un número de horas, días e semanas, a nosa fotografía de perfil volvería á súa situación anterior, de xeito que as bandeiras multi-cor e os lazos negros ou vermellos poderían desaparecer da nosa identidade en liña tras superarse o prazo da campaña cara á que queremos amosar a nosa solidariedade.
Esta funcionalidade pretendería facilitar que os usuarios poidan empregar a súa fotografía de perfil para expresarse, á vez que procuraría facilitar o retorno a unha situación máis normal, na que a imaxe puidese axudar a identificar á persoa que está detrás dunha conta, que é para o que están estes elementos visuais. Deste xeito, Facebook procuraría mitigar a praga do clictivismo (práctica que consistiría en limitar a solidariedade a compartir contidos en redes sociais) reducindo o impacto a longo prazo de facer un uso pouco axeitado de funcións que buscan facilitar a comunicación.
Por exemplo, nas últimas semanas máis de 26 millóns de persoas terían mudado a súa imaxe de perfil cunha ferramenta que transformaba a súa imaxe nunha bandeira do arco da vella como apoio ao matrimonio homosexual, pero pasada a xornada reivindicativa continúan a conservar o avatar reivindicativo millóns de contas de usuario, o que podería levar a confusións (outros usuarios poderían entender que o avantar indica unha orientación sexual determinada e non a adhesión a unha reivindicación).
Facebook podería permitir mudar a fotografía de perfil temporalmente
Compartir Este Artigo
