Qvoto.org, o servizo do que falamos os días pasados para dar conta do elemento innovador que introduce nos procesos electorais (facilítanos a toma de decisión nas eleccións xerais botando man de tecnoloxías de afinidade e preceptos 2.0), vén de iniciar andaina na plataforma Goteo.org, o que significa que calquera internauta pode botar unha man para o afianzamento, medre e espallamento do proxecto. A idea dos seus creadores con esta inclusión de Qvoto na plataforma de micromecenado (crowdfounding) é acadar que máis xente poida beneficiarse do servizo, de acceso público e de balde, e facilitarlles con isto a mellor decisión de cara ás vindeiras eleccións xerais. A campaña de busca de microapoios orzamentais foi lanzada este martes 15 de setembro.
Os obxectivos a curto prazo son dous: por unha banda, divulgar o servizo Qvoto e desenvolver o seu contido xunto cos usuarios (isto baséase na premisa de que Qvoto, como calquera ferramenta social apoiada en afinidades e información colectiva, mellorará coa participación: segundo haxa máis xente que realice a enquisa e suxira temáticas a aplicación irá medrando e perfeccionándose). Doutra banda, a campaña axudará aos creadores de Qvoto a co-financiar os custos de desenvolvemento da aplicación web e de difusión da mesma.
Como lembraremos, a ferramenta foi desenvolvida para botarnos unha man aos internautas-electores poñendo á nosa disposición recursos en liña doados de usar que sexan quen de comparar os nosos ideais políticos con propostas electorais reais e concretas achegadas polos diferentes partidos que concorrerán nos vindeiros comicios xerais. Tendo en conta isto, o sistema fornécenos o nome da agrupación máis acaida ao noso credo político e social.
Este servizo, segundo explican Mario García de León e Álvaro Alconada, co-fundadores do mesmo, susténtase sobre unha idea que con lixeiras variantes está a coller corpo e a espallarse por diferentes países europeos: a idea de tirar partido das máis avanzadas tecnoloxías para comparar as propostas dos diferentes partidos nos temas máis demandados ou controvertidos.
Qvoto entra en Goteo.org no camiño de achegar a suxestión política perfecta
Compartir Este Artigo
