O diario dixital Eldiario.es está a celebrar os seus tres anos de vida. E está a facelo coa achega dun variado material multimedia que amais de amosar as novidades xurdidas estes días no seu seo, diríxese a amosar en detalle as contas do medio dixital. Ou sexa, en que se investiu ao longo deste tempo o diñeiro dos socios promotores. A un nivel máis concreto, faise saber tamén (nun vídeo específico e de boca do director, Ignacio Escolar) que Eldiario.es conta xa con cinco millóns de lectoras/es cada mes, 12.257 socios, trece edicións locais e 44 xornalistas (en orixe unha ducia).
Ademais, infórmase de que o medio dixital foi quen de converterse “nun medio economicamente sustentable”. Nos seus primeiros meses de ano, ingresou 1.169.688 euros e gastou 967.572 euros.
En seis meses tivo 202.116 euros de beneficio antes de impostos, “un diñeiro que se vai reverter integramente en mellorar Eldiario.es”, informan os seus responsables, que engaden que os ingresos medraron case nun 42% con respecto ao primeiro semestre do ano pasado. Polo que respecta á audiencia, nos primeiros seis meses de ano os usuarios únicos aumentaron nun 43,21% respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo os datos de Google Analytics que certifica OJD.
Eldiario.es cumpre tres anos de vida con 5 millóns de lectores por mes
Compartir Este Artigo
