Hoxe estase a celebrar en Santiago unha cita de gran interese para os nosos profesionais do xornalismo e da cultura. En parte polo coñecemento achegado e polos debates a múltiples bandas que se xeran arredor do presente e futuro da comunicación, en parte polo espírito crítico e independente que preside o transcurso dos relatorios e mesas redondas. Falamos da xornada Cultura e comunicación na Europa do século XXI, evento organizado polo Consello da Cultura Galega (na súa sede) co obxectivo de desvelar as oportunidades a eivas do subministro de información asociado ás novas canles e tecnoloxías. Xosé López, Xosé Rúas e Manuel Gago son os coordinadores dun encontro no que se falou, e moito, de como se debe tratar o coñecemento para garantir a máxima liberdade. Neste ámbito moveuse precisamente o galego Víctor Sampedro (catedrático de Xornalismo), autor do libro O cuarto poder na Rede, que foi tamén o título do seu relatorio.
A xuízo do profesor Sampedro, a cultura ou é aberta e participativa ou non serve. O relator puxo no seu punto de mira múltiples elementos e servizos da comunicación e da industria actual do coñecemento, incluída a rede social Facebook, coa que foi especialmente crítico, cualificándoa de comunidade ao servizo do espírito “acomodaticio e consensual”, xa que, comentou, dende o principio quedou claro que só ía achegar dúas opcións para os seus integrantes acerca da opinión que lles mereceran os contidos que tivesen diante: ou “gústame” ou silencio.
Ao xuízo do profesor, pechar o coñecemento é un novo xeito de privatizar, de poñer a riqueza en poucas mans, de facer negocio cun ben universal. “Isto é o que fai Facebook con todos vostedes, non se enganen”, apuntou aos integrantes do público reunido na xornada, subliñando a idoneidade da expresión “granxas de datos” cando os críticos coa dita rede social definen cada sitio persoal acubillado na mesma. “O negocio da información, a capitalización da mesma”, engadiu, “non expulsa ao fraudulento ou ao mentireiro do seu seo, a diferenza do que acontecería nunha sociedade de cultura libre e participativa”. Estas son as consecuencias, explicou, dunha corrente produtiva que se estende imparable: o capitalismo cognitivo, unha tendencia na que se moven comodamente profesionais como os chamados community managers, responsables de comunicades en liña, que son, dixo, “pastores de ovellas dixitais que conducen á xente directamente a pacer onde eles queren que estean: mercando os produtos e os servizos que eles representan e nos que teñen intereses”.
Volvendo á programación da xornada Cultura e comunicación na Europa do século XXI sinalar que se desenvolve en horario de mañá e tarde. A sesión da mañá centrouse na transformación que as novas tecnoloxías permiten para a difusión cultural. Carlo Sorrentino (profesor de Socioloxía dos Procesos Culturais e Comunicación, da Università di Firenze), analizou a influencia de Internet na definición da nosa identidade cultural e Marty McCarthy amosou a difusión cultural da National Sculpture Factory de Cork.
A sesión da tarde terá un carácter máis práctico e nela responsables de publicacións achegarannos o seu punto de vista sobre a situación actual. Blanca Berasátegui (directora de El Cultural), exporá a evolución da cultura en España nos últimos vinte anos. Na mesa de Experiencias de comunicación cultural estará Carles A. Foguet, un dos fundadores da revista Jot Down, e Marta Peirano, responsable de cultura de eldiario.es, quen abranguerá temas como Open Access, Creative Commons e cultura. O programa complétase cunha mesa redonda sobre A comunicación desde os centros e entidades culturais.
A necesidade de garantir unha cultura libre, eixo da xornada de hoxe do CCG
Compartir Este Artigo
