Este xoves o Centro Demostrador TIC de Galicia (CNTG, Santiago) vai acoller unha xornada específica para introducirnos nas metodoloxías actuais para intercambiarmos información na Rede do xeito máis seguro posible. Máis polo miúdo, do que se trata é de levarnos da man no uso e funcionamento da ferramenta OwnCloud, sistema libre para a nube persoal ou para colectivos que precisen compartir ficheiros de calquera índole nas mellores condicións. Como lembraremos, OwnCloud está dispoñible en galego (foi traducida por Miguel Bouzada e un equipo de tradución integrado por xente de Trasno e outros tradutores voluntarios) e a través desta solución podemos facer cousas como sincronizar arquivos, calendario, contactos ou notas, e todo a través de extensións como os que achega Mozilla Sync en Firefox. Conta con aplicacións para Android, iOS e versións de escritorio para Linux, Windows e Mac OS X.
Volvendo á xornada do 24 de setembro, este xoves, dicir que vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN). Trátase da quinta xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector que organizan conxuntamente. O seminario que leva por título OwnCloud: Arquiva e comparte na nube os teus documentos para acción social desenvolverase en horario de 17.00 a 20.30 horas no Centro Demostrador TIC. Este ciclo formativo enmárcase nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da AMTEGA.
Como dixemos, o seminario céntrase na ferramenta Owncloud, unha solución que en palabras dos organizadores constitúe unha alternativa libre a outras solucións privativas como Dropbox, Microsoft Onedrive ou Google Drive. Na xornada trataranse as necesidades específicas do terceiro sector, a xestión da información na contorna lexislativa e a protección de datos e as solucións que ofrece Owncloud, así como as súas capacidades técnicas. “Esta actividade formativa”, sinala AMTEGA, “está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica”.
Coa xornada sobre OwnCloud prosegue o ciclo de actividades formativas dirixidas ao terceiro sector e organizadas pola axencia en colaboración con EAPN. Trátase dun total de nove actividades especialmente pensadas para este sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro. O ciclo iniciouse o pasado 10 de setembro co curso Coñece que pode facer o software libre pola túa asociación, ao que lle seguiron dous cursos de Drupal (un básico e un avanzado) e outro sobre WordPress.
Na web do Centro Demostrador TIC poden consultarse ás datas dos vindeiros cursos: ferramentas para participación cidadán, xestión e captación de doazóns, etc.
O CDTIC acolle un seminario sobre Owncloud e as súas potencialidades para achegarnos unha nube segura
Compartir Este Artigo

