Chegou o 22 de setembro, data que tiñan apuntada no calendario os seareiros do fabricante chinés Xiaomi coñecer o seu novo smartphone de referencia, o Mi 4c, que busca converterse en todo un supervendas co seu deseño delgado e lixeiro, as súas elevas especificacións, o seu consumo reducido e a adopción do porto USB tipo C que está chamado a converterse no estándar do futuro.
O novo Mi 4c é un smartphone realmente avanzado, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 808 de 64 bits con 6 núcleos a 1,8 GHz e gráfica Adreno 418, 2/3 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD de 5 polgadas que promete unha boa visión baixo a luz solar, cámara traseira de 13 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles, dobre micro SIM 4G, emisor de infravermellos (para funcionar como mando a distancia), batería de 3080 mAh con carga rápida (o que debería achegar unha grande autonomía xa que este tipo de batería normalmente é a que levan dispositivos con pantallas máis grandes) e o mencionado conector USB-C.
O seu grosor é de só 7,8 milímetros e o seu peso de 132 gramos. Vén con MIUI 6 actualizable a MIUI 7 en poucas semanas, carcasas en cores rechamantes (branco, gris, rosa, amarelo e azul) e funcionalidades como poder acender a pantalla dándolle un dobre toque co dedo ou poder dar toques lixeiros nos laterais do teléfono para realizar distintas accións (por exemplo, ir atrás dando un dobre toque, ou utilizar un simple toque para disparar unha fotografía dende a aplicación de cámara).
Aínda que estamos ante un terminal moi completo, o seu prezo non se dispara, e a versión con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento venderase a 1.299 iuans (182,51 euros), mentres que con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento custaría 1.499 iuans (210,61 euros). Este novo móbil comezará a venderse en China mañá mesmo.
Xiaomi estréase como OMV
Pero para moitos a grande sorpresa da presentación de Xiaomi das últimas horas non está no seu novo smartphone, senón no xeito de que a compañía chinesa estrea unha nova división, Mi Mobile, un Operador Móbil Virtual (OMV) que comeza a comercializar tarxetas de prepagamento que cobra 0,1 iuans (1,4 céntimos de euro) por minuto/chamada/MB de datos en toda China e tamén tarxetas de contrato con 3 GB de datos por 59 iuans/mes (8,29 euros/mes).

