Ter meirande coñecemento do estado de saúde da fauna mariña e, en particular, do nivel de fertilidade dos nosos peixes. Este é un dos grandes obxectivos de Govocitos, un software de libre descarga (podemos acceder ao paquete dende a web da Universidade de Vigo) que foi desenvolvido polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), emprazado en Vigo e dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A ferramenta, sinalan dende o instituto, salienta “por ser innovadora, rápida e precisa” en todo o referente ao seu obxectivo fundamental, determinar e calcular o potencial reprodutivo dos peixes.
O software, dirixido sobre todo a investigadores de bioloxía mariña, xorde cos mellores agoiros: probouse nos laboratorios do IIM con especies como a faneca, a pescada europea, o pargo raiado e a lanterna escura, acadando unha taxa de éxito do 80% no que se refire á identificación e á clasificación automáticas dos ovocitos. A tecnoloxía incorpora a maiores un módulo de adestramento do clasificador para novas especies e, entre as súas características principais, amosa unha marxe ampla de adaptabilidade. É dicir, Govocitos pódese aplicar perfectamente noutros sectores de investigación e produción (por exemplo a industria dos cultivos mariños e demais).
Sobre o seu modus operandi, sinalar que unha vez instalado, o recurso informático identifica, clasifica, cuantifica e mide de maneira automática os ovocitos presentes en imaxes histolóxicas de ovarios de peixes, calculando ademais a fecundidade mediante estereoloxía. Isto pode ser exportado a unha base de datos centralizada ou a unha folla de cálculo. O software traballa en dúas etapas: unha non supervisada, na que o usuario só abre a imaxe e agarda polo resultado automático da análise, e outra supervisada, na que o usuario corrixe de maneira manual os erros que detecte.
O software é froito do proxecto Desenvolvemento e implementación de novas tecnoloxías e protocolos no estudo da ecoloxía reprodutiva pesqueira, financiado pola Xunta de Galicia e liderado polo Grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM, en colaboración con investigadores do Laboratorio de Informática Aplicada da Universidade de Vigo e do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela.
Govocitos e o proxecto no que se insire teñen a súa raizame na constatación dunha serie de problemas e atrancos que poden afectar, directamente, á conservación das nosas especies mariñas (problemas e atrancos con orixe nas actividades humanas). “Na actualidade”, sinala o CSIC, “moitos dos recursos pesqueiros, entre eles os de interese para a frota galega, están sobreexplotados”. Polo tanto, co obxectivo de xestionar correctamente as súas poboacións e garantir a súa sustentabilidade, “era fundamental coñecer o seu potencial reprodutivo”, explica o centro superior de investigación, que engade que esta tarefa implica “o uso de técnicas e protocolos cun alto custe económico e humano”. Cumpría, polo tanto un recurso específico que axudase a levar a cabo este labor de investigación coas meirandes exactitude e fiabilidade.
Neste contexto, o Grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM (CSIC, Vigo), coa colaboración do Laboratorio de Informática Aplicada (Universidade de Vigo) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (Universidade de Santiago de Compostela), iniciou en 2008 o devandito proxecto Desenvolvemento e implementación de novas tecnoloxías e protocolos no estudo da ecoloxía reprodutiva pesqueira, financiado pola Xunta de Galicia e coordinado pola doutora Rosario Domínguez Petit. O obxectivo era desenvolver e aplicar novas tecnoloxías para o estudo da ecoloxía reprodutiva pesqueira. De aí xurdiu precisamente o software Govocitos, cuxa versión final foi desenvolvida en 2013 para ser logo integrada na carteira de resultados de investigación do Campus do Mar. Con todo, para o seu uso e distribución desenvolveuse un sistema descargable que inclúe unha máquina virtual coas bases de datos precisas para que Govocitos sexa operacional. Agora, por fin, Govocitos vén de pórse a punto e entrar nunha nova fase co seu acceso libre e gratuíto para os seus potenciais usuarios.
O CSIC pon en libre descarga un software para calcular a reprodutividade dos peixes
Compartir Este Artigo
