Logo das intervencións do vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda e do letrado das Cortes Pablo García Mexía, as Xornadas de Informática Xudicial do CPETIG seguiron adiante co relatorio Os hackers e o desafío actual á seguridade informática a cargo de Juan Luis Rambla, consultor de Seguridade e Sistemas. Na súa opinión, o termo hacker ten hoxe en día unhas connotacións negativas que sobre o papel non lle corresponden. “Un hacker pode facer cousas boas para a Rede para os internautas, ou ben cousas malas, o feito de que sexa hacker non determina cara a onde vai derivar o seu comportamento”, sinalou. Seguindo este camiño de romper moldes e ideas fixas, dixo que a súa experiencia lle ten demostrado que é máis probable atopar un delincuente cibercriminal vestido de traxe e garabata que con aspecto máis ou menos estereotipado de hacker. Tendo en conta isto, sinalou que probablemente é máis axeitado falar de cibercriminais e de persoas que operan na Rede, basicamente, para apropiarse de información e diñeiro.
Segundo recordou acerca dos modelos e as facianas que adopta hoxe en día a ciberdelincuencia, xusto agora hai un amplo mercado de compravenda de contas de servizos en liña en Internet. Isto está a pasar con redes sociais de ampla presenza, como LinkedIn ou Facebook. Tamén lembrou as prácticas postas en marcha para o branqueo de diñeiro, “prácticas que están a evolucionar de continuo”, sendo os cidadáns en xeral os principais prexudicados.
No que atinxe aos modus operandi destes delincuentes, dixo que do que se trata é de facer cousas que non se vexan. O principal inimigo da nosa profesión, informou, vén sempre oculto, non somos quen de velo nin de predicilo e moitas veces chega con feitura de virus, troianos, malware, ataques de phishing, botnets ou mesmo intrusos que atacan dende dentro (por exemplo traballadores contratados ou bolseiros que actúan en beneficio de empresas alleas). Sobre o custe económico do cibercrime, sinalou que hai unha serie de sectores especialmente afectados, por exemplo o das enerxías (á cabeza), o dos servizos financeiros ou o das tecnoloxías.
Sobre as cousas que podemos facer para non caer nas gadoupas dos criminais en liña, sinalou que o primeiro paso é botar man do sentido común. Tendo en conta isto, cómpre non levar a cabo cousas tan imprudentes como subir nos nosos sitios en liña imaxes das nosas tarxetas de crédito, información de todo o que facemos nas vacacións (sinalar polo miúdo os días en que imos deixar a casa baleira, ao alcance de calquera), pegar etiquetas no noso computador cos nosos contrasinais ou achegar datos persoais a sitios de risco (por exemplo páxinas de contido pornográfico). Segundo fixo saber, “cómpre que teñamos coidado de onde deixamos a información, e non incluír datos identificativos e reais en servizos cuxa visita e uso nos poda resultar comprometedora na nosa vida cotiá e noso noso traballo, e complementar estas medidas básicas de seguridade coa práctica de non repetir sempre os mesmos contrasinais e identificacións”.
Sobre os intres do ano máis críticos para sermos vítimas do cibercrime, explicou que o Nadal é unha das épocas con máis fluxo de contidos maliciosos, e polo tanto con máis índice de ataques perpetrados. “Nestas festas”, dixo, “o meu traballo aumenta de maneira significativa, e o porqué disto hai que buscalo no doado que resulta, durante o Nadal, camuflar todo tipo de ataques”. A xeito de recomendación final, engadiu que “debemos estar ao tanto de todo isto e ficar coa garda alta, porque se ben é certo que unha boa parte dos posibles ataques nos derivan ás bandexas de correo non desexado ou correo lixo, é real que unha pequena parte sempre acaba na bandexa principal de recibidos”.
Juan Luis Rambla achega nas Xornadas de Informática Xudicial medidas básicas para non caer en mans do cibercrime
Compartir Este Artigo
