O vindeiro venres terá lugar no IES de Melide, a I Xornada de Radio Libre, encontro que recollerá charlas para falar do mundo da radio, e obradoiros para amosar as posibilidades do software libre á hora de gravar, producir ou difundir música e contidos radiofónicos.
A entrada é libre e de balde, recomendándose aos interesados en participar que o comuniquen previamente por correo electrónico á organización do encontro.
A xornada que comeza ás 9:00 horas, está organizada en sesións de tarde e mañá, e consta dun programa que podemos consultar íntegro en liña e que conta con diferentes actividades para diferentes públicos (tanto xuvenil, como para adultos) como as seguintes:
– Charla sobre o uso das licenzas libres para publicar contidos, relator Rafael R. Gaioso.
– Diferentes obradoiros de iniciación radiofónica, impartidos por Laboratorio de Radio
– Primeiros pasos con Ubuntu Studio e AV Linux, relator Jorge Lama.
– Pechará a xornada o obradoiro “Facendo música con software libre”, impartido por Miguel Ángel Rodríguez Muíños.
Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a AMTEGA e MeLiSA para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2015.
Melide celebrará unha xornada sobre radio libre
Compartir Este Artigo

