Hoxe 4 de novembro a nosa terra (docentes, investigadores, estudantes, cidadanía en xeral) celebra a sexta edición do Día da Ciencia en Galego. Entre as entidades que impulsan a festividade atópase (coma cada ano) a Coordinadora Galega de ENDL, que para conmemorala vai organizar, entre outras cousas, unha videoconferencia impartida por Xurxo Mariño Alfonso (biólogo e doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago, profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña, especialista en neurofisioloxía e activo divulgador científico). O relatorio de Xurxo Mariño desenvólvese baixo o epígrafe A máquina que constrúe a mente e a realidade e será retransmitido vía streaming aos centros de ensino non universitarios que queiran participar na iniciativa (a día de onte 108 centros abranguendo máis de 6.500 alumnas e alumnos, “unha convocatoria récord” segundo lembra a Coordinadora).
O alumnado que participe na iniciativa, recordan os organizadores do evento, poderá interactuar co relator a través da rede social Twitter (etiqueta #cienciaengalego). Segundo engade a Coordinadora Galega de ENDL, o Día da Ciencia en Galego organízase por sexto ano consecutivo para reivindicar o uso vehicular da nosa lingua nas materias científico-técnicas, “onde o seu uso é marxinal tras a imposición do Decreto de Plurilingüismo por parte da Consellería de Educación. Na videoconferencia de hoxe, que dará comezo ás 12.30 horas, tamén participan o Servizo de Normalización Lingüística e a Área de Redes e Comunicacións Multimedia da Universidade da Coruña.
Xurxo Mariño Alfonso, no seu relatorio, fará un percorrido polo concepto de mente, o seu funcionamento e a súa adaptación ao universo da intelixencia artificial (Como funciona a mente? A onde vai o “eu” cando durmimos? Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente?). O profesor Mariño Alfonso, sinala a Coordinadora, “mergullará aos estudantes na complexidade do encéfalo humano, a máquina na que miles de millóns de neuronas utilizan a electricidade para se comunicaren e, dese xeito, crear a mente e a realidade”.
O evento recala na UDC e na vertente multiconferencia cos nosos centros de ensino tras pasar en edicións anteriores pola USC e a UVigo. Esta videoconferencia, xunto co cumprido feixe de actividades que se está a desenvolver estes días nos nosos centros de secundaria, nas universidades e en diversas institucións, procura que o alumnado “teña acceso á ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre todo en canto ás posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma, tamén o galego”, engaden os organizadores. Os colectivos convocantes (AGAPEMA, APETEGA, ENCIGA e Igaciencia) e as institucións e entidades que se suman a esta data reinvindicativa, como a CGENDL, queren expresar deste xeito que “todos os idiomas, neste caso o galego, apréndense usándoos en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar do Decreto para o Plurilingüismo que a Consellería de Educación impuxo para eliminar o seu uso como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos”.
Máis dun cento de centros de ensino participan hoxe na videoconferencia de Xurxo Mariño (Día da Ciencia en Galego)
Compartir Este Artigo
