Os impulsores de PortalProgramas, sitio web dende o que se poñen a disposición da comunidade en liña todo tipo de ferramentas abertas, veñen de resolver a sétima edición (convocatoria 2015) dos seus Premios ao Software Libre. Segundo fan saber, esta edición dos galardóns “foi a máis apoiada polos usuarios, aos que cómpre agradecer a súa colaboración”. O xurado estivo composto por diversos representantes do ámbito open source estatal: Aurelio Rodríguez, presidente da Asociación Informática Abierta, Gregorio Robles, profesor na Escola de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade Rei Xoán Carlos e máis o noso compañeiro Carlos Rodríguez, xerente da empresa galega Librebit.
Os gañadores nas seis categorías que compoñen a convocatoria 2015 foron finalmente os seguintes:
· Mellor blog de software libre: Irontec. Trátase do caderno de traballo colaborativo da empresa de software libre Irontec. Periodicamente os responsables da firma publican temas tecnolóxicos e amosan demostracións sobre algúns proxectos, “compartindo deste xeito un coñecemento practico do que se pode aproveitar toda a comunidade”. Nesta mesma modalidade, en segundo lugar ficou o caderno humanOS. O terceiro posto foi para Gaceta Tecnolóxica.
· Maior potencial de crecemento: LibreOffice. Segundo informa o xurado, o potencial e o interese deste programa “é enorme,”, posto que se precisa del nunha chea de aspectos domésticos e empresariais. “Un do seu punto fortes é que se actualiza decote e está aberto para engadir novos programas á súa suite”, engaden dende PortalProgramas. Nesta categoría o segundo posto foi para gvNIX e o terceiro para GNU Health.
· Mellor software para móbil. O gañador nesta modalidade foi CyanogenMod. Trátase dun sistema operativo completo que permite usar os terminais telefónicos máis actuais sen necesidade de pasar polas cada vez máis privatizadas aplicacións de Android. O segundo posto foi para Xabber e o terceiro para OsmAnd.
· Software libre máis revolucionario. Impúxose nesta categoría GNU Health, que xa gañara nesta sección nas edicións do 2012 e 2014 dos Premios PortalProgramas. “Trátase dun dos proxectos mais interesantes que existen dentro do software libre e que estea de novo entre os gañadores significa que a comunidade apóiao sen condicións”, sinalan. O segundo posto foi para KDE Connect e o terceiro para Manjaro.
· Esencial para a comunicación. Impúxose WordPress. Segundo lembran dende PortalProgramas, hai poucos días informábase que mais do 25% das webs que existen e conforman Internet están feitas con WordPress, iso significa millóns e millóns de usuarios deste gran programa. “WordPress bríndanos a todos un igual a posibilidade de termos un espazo de nós na rede de redes”, engade o portal. O segundo clasificado foi Gimp e o terceiro Thunderbird.
· Esencial para as empresas: LibreOffice. Trátase, en palabras do xurado, “dunha completa suite ofimática que nos fornece unha axuda imprescindible na xestión de calquera empresa; ademais é compatible cunha manchea de formatos de ficheiros e foi quen de rachar totalmente a barreira das incompatibilidades con outros softwares libres ou propietarios”. O segundo posto foi para WBSVision e o terceiro para WBSAirback.
PortalProgramas resolve a edición 2015 dos seus premios ás mellores ferramentas open source
Compartir Este Artigo
