
Segundo engadiu, o sitio en liña acabado de presentar é unha adaptación ás novas tendencias e correntes web da actualidade: “Unha adaptación de algo que xa era bo, a páxina previa, pero que cumpría facer máis visual, máis útil, máis dinámica e máis acaida para os novos dispositivos de acceso”, sexan da índole que sexan.
Como dixemos, o novo espazo foi desenvolvido por A Navalla Suíza (que recunca achegando a súa experiencia e bo facer ao Colexio, logo de ter desenvolvido -esta mesma empresa- a anterior versión da páxina). En representación da firma emprazada en Milladoiro (Ames) participou no acto de hoxe Manuel Barreiro, quen describiu o resultado do proxecto como un esforzo por poñer ao Colexio en meirande sintonía coas redes sociais (que teñen na web especial presenza) e cos novos estilos e formatos de traballo. De feito, sinalou, trátase ante todo dun espazo de comunicación e, tamén, dunha caixa de ferramentas que fortalece o concepto de oficina global e sen límites espaciais. Cara a isto precisamente (cara esta vontade de aplicar en xornalistas.gal semellantes utilidades ás que lle son propias ao instrumento que dá nome á empresa) diríxese unha das seccións máis salientables da nova páxina, a sección Ferramentas, que acubilla unha cumprida listaxe de recursos lingüísticos e informáticos (Transcritor de Audios, OrtoGal, LinguaKit, Conxugador Cilenis, Conxugador Verbix, Google Translate, Opentrad, etc) para facilitar o labor do xornalista. Segundo engadiu Barreiro, estamos “perante un bazar colaborativo” de ferramentas, un repositorio que se irá incrementando cada pouco e que se complementa con seccións tan destacadas como a Biblioteca, que funciona como un gran acubillo de material xornalístico (dossiers, informes, documentación, guías de medios, etc). “É unha web máis do noso tempo”, engadiu, lembrando que para o seu desenvolvemento tamén se fixo especial fincapé no deseño responsive que permite unha accesibilidade e empregabilidade total dende os máis variados dispositivos móbiles. Sobre as comparacións (inevitables) coa anterior páxina do Colexio, Barreiro informou que a nova proposta é máis dinámica, fluída e líquida, en contraposición coa web previa, máis estruturada, sólida e arquitecturizada.
Polo que respecta ao proxecto Xornalismo na Escola. presentado tamén hoxe, é unha iniciativa nova que ten o apoio da Obra Social La Caixa e que se encamiña a pór en marcha sesións pedagóxicas en aulas de 3º e 4º da ESO de centros de toda a xeografía galega. “Preténdese achegar ós máis novos, de forma práctica, diferentes aspectos da comunicación, dos medios e das novas tecnoloxías”, fixo saber o CPXG, que será o encargado de seleccionar de entre as propostas recibidas, a seis colexiados e colexiadas en procura de emprego que se encargarán de impartir as sesións e elaborar as unidades didácticas. Anxo Pérez Romariz comentou que a Obra Social leva xa algún tempo realizando este proxecto noutras zonas como Catalunya, Sevilla e Madrid, no que xornalistas en paro imparten xornadas didácticas sobre comunicación a alumnos de educación secundaria.
Xosé Manuel Pereiro rematou a rolda de prensa avanzando “que en breve porase a disposición dos colexiados un servizo de uso de despacho para atender ás necesidades dos xornalistas que puntualmente precisen dun espazo para traballar ou manter unha reunión”. O Colexio de Xornalistas informará en breve deste novo servizo e das súas pautas para solicitalo e para usalo.
O Colexio de Xornalistas presenta unha web de seu “para visitar todos os días”
Compartir Este Artigo
