Alberto Núñez Feijoo anunciou esta mañá na rolda de prensa tras o Concello da Xunta que o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria de Galicia (máis de 1.200) contarán cunha conexión á Internet de 100 Mbps a finais de 2017, agardándose que tal proporción chegue ao 31% antes do remate do ano que vén.
Este novo paso cara á modernización da educación pública de Galicia é posible grazas a un convenio asinado entre a AMTEGA, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Educación e a Entidade Pública Empresarial Red.es, que conta cun orzamento total de 19,1 millóns de euros. Este convenio permitirá instalar estas conexións de 100 Mbps en 839 centros educativos ao longo de 2016 e 2017 e dun acceso a Wi-Fi por cada 60 alumnos.
O presidente da Xunta destacou que a modernización da educación pública estivo sempre entre as prioridades deste Goberno que agora lle proporciona unha infraestrutura tecnolóxica de maior nivel. Así, estas novas redes permitirán que tanto alumnos, como profesores, como persoal administrativo poidan conectarse sen esperas nin cortes, que poidan facelo de xeito simultáneo e que se poida traballar con varias aplicacións á vez. Na súa intervención, o presidente salientou que a educación pode mellorar moito se se aplican as tecnoloxías que a sociedade foi adoptando nos últimos anos e que a educación debe adaptarse ás novas realidades ao mesmo paso que outras realidades cotiás.
Este acordo pretende continuar a senda aberta co Proxecto Abalar, que se sustenta en catro eixes: na dixitalización das aulas coa distribución de 2.800 kits de aulas dixitais, co que se conseguiu que máis de 100.000 alumnos aprendan nun encerado dixital; na formación do profesorado nas TIC, da que xa se beneficiaron 23.000 docentes; no uso de recursos dixitais na aula, como os que se poden descargar do repositorio eDixgal que xa conta con 2.300 recursos educativos para todos os niveis de escolarización e que só no último ano rexistrou máis de 2,1 millóns de descargas; e na difusión e emprego das TIC como canle de comunicación entre as familias e os centros, xa son 17.000 as familias que seguen a actividade dos seus fillos a través de abalarMóbil.
Todos os centros educativos público galegos gozarán de conexións á Rede de 100 Mbps ao remate de 2017
Compartir Este Artigo
