![]()
Coa proximidade da estrea do filme El Despertar de la Fuerza dispáranse as chiscadelas que distintas plataforma na Internet fan ao fenómeno de Star Wars, dos que a que máis está a facerse ver é a de Facebook, servizo que activa unha vez máis o seu sistema de personalización de avatares, de xeito que os usuarios poden mudar temporalmente a súa fotografía de perfil para amosar unha das súas fotografías acompañadas por unha espada de luz que represente o lado da Forza escollido. Un detalle que grazas á viralidade desta funcionalidade de Facebook está a servir para identificar claramente á xente que durante os vindeiros días correrá aos cines para ver o sétimo episodio da saga de ciencia ficción de máis éxito globalmente.
Un xogo para o navegador web

Pero Facebook non é a única compañía que participa deste xogo, senón que tamén Google continúa a botar leña ao lume, e tras permitir personalizar varios dos seus servizos coa aparencia de Star Wars chega agora cun experiemento de Chrome que chamado Lightsaber Escape, e que consiste nun xogo que se carga no navegador web e que contrólase en combinación co smartphone, de xeito que os movementos do teléfono veranse reflectidos na espada de luz que ten o noso personaxe no xogo, e que pode empregarse para rebotar os disparos de numerosos Stormtroopers e incluso para completar a aventura cun combate corpo a corpo. Temos así un magnífico exemplo do que son capaces os navegadores actuais e das posibilidades abren os smartphones en combinación. Aínda que está desenvolvido pensando en Chrome, este proxecto funciona con outros navegadores compatibles coas tecnoloxías empregadas (WebGL con WebRTC e WebSocket).
Que personaxe somos? (en función dos nosos gustos musicais)

E para rematar a escolma de acenos feitos a Star Wars a través da Internet temos unha curiosa iniciativa asociada a Spotify, que permite que os usuarios poidan identificarse nunha páxina web feita a tal efecto, de xeito que analiza as nosas preferencias musicais e busca as que se parecen máis a unha serie de listaxes de reproducións asociadas a varios dos personaxes máis significativos de El Poder de la Fuerza. Un curioso xeito de establecer ligazóns entre a música e o cine, que fuxe das bandas sonoras e achégase máis a unha asociación entre o carácter de personaxes de ficción e os seus posibles gustos musicais.
