
En definitiva, sinala o CESGA, búscanse novos experimentos que complementen e estendan as actividades actuais do proxecto Fortissimo 2. Estes novos experimentos deben estar enfocados a resolver necesidades de negocio de PEME do sector da enxeñaría ou a manufactura.
O obxectivo fundamental de Fortissimo 2, como lembraremos, é a promoción da adopción de tecnoloxías avanzadas de modelado, simulación e análise de datos polas PEME europeas no sector da manufactura, usando experimentos de aplicacións derivados de escenarios de negocio reais onde estas tecnoloxías poden ser despregadas e potencialmente integradas no mercado de Fortissimo para seren achegadas como servizo. Segundo nos lembra o CESGA, o desenvolvemento deste mercado en liña comezou durante o proxecto inicial de Fortissimo.
As pequenas e medianas empresas, a través do uso do HPC-Cloud e do devandito marketplace, terán a posibilidade de beneficiarse do coñecemento de expertos en Computación de Altas Prestacións e no software asociado “e obter ademais unha maneira doada de acceder a ferramentas software e hardware”, explican fontes do Centro de Supercomputación de Galicia.
Os novos experimentos teñen que proporcionar investigacións e demostracións relevantes desde o punto de vista do negocio sobre High-perfomance Data Analytics ou sobre modelado de simulación de fenómenos axustados na nube de HPC de Fortissimo, que proporcionen beneficios de negocio para a PEME e mid-caps do sector da enxeñaría ou a manufactura. Darase prioridade ás propostas de experimentos que estean asociados a requirimentos de usuarios principiantes no uso de HPC e a organizacións que estean involucradas en Fortissimo por primeira vez. Tamén terán especial importancia as actividades xa incluídas en Fortissimo e Fortissimo 2.
A convocatoria para presentar iniciativas remata o 18 de maio. O orzamento previsto para novos participantes é de 1,31 millóns de euros. Os detalles concretos pódense consultar na páxina web da convocatoria.
O CESGA participa activamente nos proxectos Fortissimo e Fortissimo II. Como Centro de Computación de Altas Prestacións están en disposición de proporcionar os recursos de HPC e Big Data necesarios para a proposta de novos experimentos, axudar na preparación das propostas (especialmente de España e Portugal) e participar como socio activo nas mesmas (tanto fornecendo os recursos precisos como achegando os coñecementos requiridos para a execución eficiente, a paralelaxe e a optimización das aplicacións de simulación e procesado de datos). Ademais, pode axudar á PEME e mid-caps a conformar un consorcio axeitado para emendar a necesidade detectada.
O CESGA en Fortissimo colaborou na execución de 10 experimentos dos 53 casos de usos industriais, propostos por empresas da contorna estatal e con participación de tanto empresas españolas como portuguesas e do resto de Europa, proporcionando non só os recursos senón tamén a coordinación co proxecto. En total, participan 18 PEME españolas e lusas, un centro tecnolóxico e dúas universidades.
No proxecto Fortissimo 2, que arrincou o pasado mes de novembro con 14 novos casos en total, o CESGA coordina dous experimentos asociados ao tratamento de grandes volumes de datos de procesos industriais ou de control de calidade onde participan as empresas españolas Trimek e EPC, ademais do centro AIMEN. A USC, a Fundación Vicomtech e as empresas estatais ETXE-TAR e Madeiras Besteiro participan tamén no proxecto.
Aberta a convocatoria de experimentos sobre aplicacións HPC-Cloud de Fortissimo 2
Compartir Este Artigo
