A firma galega Balidea vén de desenvolver o portal web do CIXUG, consorcio integrado e impulsado polas tres universidades galegas e cuxos obxectivos son, entre outros, mellorar a xestión dos campus, impulsar o software libre, deseñar e impulsar novas aplicacións, homologar estruturas de datos comúns e impulsar a Administración Electrónica. A tecnoloxía empregada por Balidea para este traballo foi Open CMS 9.5, que segundo apuntan fontes da empresa é especialmente acaida para optimizar a visualización das páxinas resultantes en todo tipo de contornas e dispositivos.
O labor de desenvolvemento foi despregado polas oficinas de I+D de Vigo. Balidea puxo especial fincapé en acadar o máis óptimo equilibrio entre funcionalidade e estética, facendo todo o posible por permitir unha navegación doada que non amosase, perante o internauta, o máis mínimo atranco.
A nivel de contidos, o portal do CIXUG recíbenos con información de actualidade e, arredor dela, artéllanse os diferentes apartados e bloques temáticos e informativos, salientando de entre todo o conxunto a (moi visual) vertente inferior de funcionalidades: Aula Virtual, Tradutor, Blog, Servidor de Réplicas, Preguntoiro e Xestor de Proxectos. O portal tamén nos serve de canle de entrada ás diferentes presenzas do CIXUG nas redes sociais: no Facebook, en YouTube, en Twitter e máis en LinkedIn.
Balidea desenvolve o portal web do CIXUG
Compartir Este Artigo
