Internet cambiou para sempre a nosa forma de relacionarnos, e non podía ser doutro xeito afianzando como ten afianzando, nas nosas vidas, un tipo en parte semellante en parte radicalmente novo de comunicación. Esta é unha das conclusións da investigación realizada dende o Campus de Pontevedra (UVigo) pola investigadora Mar Castro, que na súa tese de doutoramento avaliou como a Internet foi quen de mudar nas novas xeracións as tradicionais normas de cortesía. Ao seu xuízo, recursos de comunicación inaxeitados para os comunicadores off line son agora pautas aceptadas ao abeiro das redes sociais.
“As normas de cortesía social non son válidas, da mesma maneira e forma, nunha contorna dixital”, sinala a conto do seu traballo, presentado baixo o seguinte epígrafe: Evolución das normas de etiqueta: desde o medio analóxico á contorna dixital. A cortesía nas relacións persoais en España. A tese, dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos, analiza a evolución ao longo da historia destas normas sociais de educación.
Entre outras moitas cousas relativas ao noso xeito de comunicarnos ao longo do pasado (confrontándoo co que acontece hoxe) a investigación céntrase en achegar luz sobre o que podería entenderse como a transformación da cortesía tal e como a entendemos ao abeiro da sociedade dixital, unha contorna onde correo electrónico, redes sociais e servizos de mensaxería encamiñaron as relacións sociais “cara a un escenario de comunicación permanente no que interactuamos reforzando a nosa identidade e a nosa presenza social”. Isto implica ausencia de límites e prioridade da accesibilidade e do inmediato. Segundo engade, boa parte da responsabilidade recaeu na xente nova, que influíu de xeito notable nesta evolución, “marcada por modos de escritura propios da linguaxe coloquial” ou “pola integración dos emoticonas na escritura”, así como pola súa “maior precisión e sinxeleza” e a “relaxación nos tratamentos sociais”. O resultado final, sinala, dá pé a unhas “normas máis flexibles, naturais e espontáneas”
A investigación pon de relevo, tamén, que “Internet modificou a forma relacionarse da xente nova”, e que esta foi a súa vez a que marcou a pauta das novas relacións sociais na Rede. “Na era da comunicación analóxica, a televisión e os medios de comunicación facían de motor lingüístico e de conduta da sociedade”, apunta a investigadora, que contrapón este escenario ao propio dunhas xeracións de “nativos dixitais”, que se distinguen por seren “suxeitos interactivos, multifuncionais e multitarefas”.
Unha investigación confirma a influencia da Rede na transformación total das normas de cortesía
Compartir Este Artigo
