
No acto de Ribeira participou o presidente do Real Clube Náutico, José Luis Torres Colomer, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, a concelleira do Mar e Medio Rural, Rosa María Quintana, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, e o representante da rede Europea NEA, Jose Manuel Fernández. Este último lembrou que o proxecto forma parte das iniciativas da rede náutica europea NEA, formada por España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda), na que participan Portos de Galicia e Turismo de Galicia.
Este segundo itinerario dos Cruceiros Costeiros de Galicia, fixeron saber, cobre as rías baixas ao longo de 6 días de navegación cada semana e vén a complementar a oferta turística que comezou cos cruceiros denominados Tesouros das rías de Galicia cun itinerario de duración variable. Esta oferta poderá adquirirse para os 6 días completos ou para unha soa xornada. En palabras de AGAN+, a natureza da oferta fai que sexa “de gran interese para os hoteis e restauradores locais que queiran ampliar as estancias dos seus visitantes”. Este novo cruceiro navegará os martes e mércores na ría Pontevedra, xoves e venres na de Arousa e sábado e domingo na de Vigo. Toda a información ao respecto publicarase na páxina web www.nauticdestination.com.

O achegamento ás xoias da nosa costa verase amplificado grazas a unha das principais novidades que poñen en xogo este tipo de cruceiros: o uso da realidade aumentada a bordo. De feito, os pasaxeiros terán ao seu dispor unha aplicación creada expresamente “para extraer todo o potencial turístico das nosas rías aproveitando o gran patrimonio inmaterial de Galicia”. Grazas a esta nova tecnoloxía, desenvolvida integramente en Galicia pola empresa de Moaña Human Soft, “os cruceiristas disporán de información inmediata e cen por cen actualizada nos seus dispositivos intelixentes do que están a ver”, informaron en Ribeira os impulsores dos Cruceiros, que salientaron o privilexio de poderen coñecer en profundidade, dende os móbiles dos pasaxeiros, “elementos do nosos patrimonio histórico e cultural coma son as illas Cíes ou diversos museos e monumentos, incluíndo as lendas que os rodean”.
Ademais, a iniciativa compleméntase coa plataforma NauticDestination, materializada para todo o ámbito da Rede NEA e integrando no seu seo a oferta náutica (servizos náuticos), a oferta complementaria (construción, obradoiros, comercio e servizos), os portos deportivos, a oferta patrimonial natural e cultural dos municipios constituídos en destinos náuticos e a oferta turística.
Outra das facetas TIC desta iniciativa é o seu sistema de “reserva desatendida”, achegado tamén pola firma Human Soft, co que os pasaxeiros poderán acceder os portos e outros edificios mediante os seus smartphones (dispositivos intelixentes ou smartwatchs (pulseiras e reloxos intelixentes). A través da aplicación “os visitantes non padecerán as restricións de horario que teñen algúns portos con escaso persoal, podendo acceder a calquera hora do día as súas embarcacións”.
A realidade aumentada complementa a experiencia náutica nos Cruceiros Costeiros de Galicia
Compartir Este Artigo
