
Durante a súa intervención, Mar Pereira lembrou que “o fomento do uso do software libre e, en particular no sector empresarial, continúa a ser unha aposta da estratexia dixital do Goberno galego”. Segundo fixo saber, con estas actuación concretas, abeiradas ao Plan anual de Software Libre, “incrementouse de xeito notable o emprego dos recursos libres na nosa terra”. A proba disto, sinalou, está nos máis recentes resultados dos informes do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), nos que figura que oito de cada dez empresas de Galicia con 10 ou máis empregados empregan software libre. Isto, engadiu Mar Pereira, sitúa a Galicia por riba doutras comunidades como Madrid, Cataluña ou Euskadi.
A directora de AMTEGA tamén recordou, seguindo o fío destes informes de OSIMGA, que nas microempresas mantense tamén “a tendencia crecente”, chegándose na actualidade a unha taxa do 52,1% no que se refire a uso de recursos informáticos abertos nas microPEME.
Pereira tamén fixo un percorrido polos principais atrancos no camiño dun espallamento aínda máis universal do open source nas firmas galegas máis pequenas: “A principal barreira para á implantación do software libre nas microempresas é o descoñecemento de solucións e a falta de referencias sobre produtos libres”. Nas empresas de 10 e máis traballadores, pola contra, “o principal obstáculo son as dúbidas sobre as problemáticas que poderían desencadearse coa migración a software libre”.
Logo da inauguración a xornada foi dando acubillo á presentación de diversos proxectos de código aberto e/ou traballo colaborativo para, en palabras dos seus responsables, “mellorar o mundo a través do software sen cancelas”. Houbo relatorios sobre casos de éxito en materia de comunicacións e relacións provedor-cliente (Alfresco e Queres, Aena e Librebit, Deloga e Innoto) e houbo achegamentos á vertente máis solidaria e social da programación aberta, exemplificado neste caso por Cidadanía e pola firma Tagen Ata, unha cooperativa galega moi centrada en desenvolver accións formativas avanzadas para toda a sociedade (software libre complementando con formación sen atrancos, aberta e accesible no económico e no tecnolóxico).


Na xornada tamén interviñeron, incidindo nas moitas vantaxes de facer colaboración arredor do desenvolvemento tecnolóxico e do código aberto, Luis Alberto Fernández, xerente de AGASOL, Micho García, impulsor de Xeoinquedos, e Alberto Permuy, membro do Colectivo Drupal.
Desenvolvedores e usuarios xúntanse en Colaboratic.gal para cambiar o mundo con software libre
Compartir Este Artigo
