
Segundo informa Telefónica, o labor dos participantes, tutelados polos técnicos, “é pasar de ser un grupo que non se coñece a un equipo que comparte un mesmo obxectivo: axudarse mutuamente para mellorar as súas habilidades profesionais, emprender unha procura de traballo máis proactiva e coordinada, para contar con novas oportunidades laborais”.
Segundo relata Iván Villán, técnico da Lanzadeira de Arteixo, os participantes chegan “moi motivados” e con ganas de “saíren do illamento do paro, de traballar en equipo, colaborar con outras persoas para mellorar as súas opcións de seren contratados e a súa marca persoal; aumentar a súa rede de contactos, atopar un emprego ou dar forma ás súas ideas de negocio”. Lorena Mínguez Bugallo, técnica da Lanzadeira de Redondela, especifica que os integrantes destas cinco palestras demandan orientación para “superar a súa frustración co mercado laboral actual, mellorar a súa confianza, consellos para actuar correctamente nas entrevistas e capacidade de acceso aos equipos de recursos humanos das empresas”.

As palestras de Arteixo, Lugo, Marín, Redondela e Santiago están incluídas nas 145 lanzadeiras que a Fundación Santa María A Real e Fundación Telefónica porán en marcha este ano por todo o ámbito estatal, para o que se conta tamén coa colaboración do Fondo Social Europeo. Segundo informan os impulsores desta iniciativa laboral, durante 2014 e 2015 as lanzadeiras foron “unha demostración dun proxecto que responde con efectividade ao problema do desemprego” e cuxos resultados de inserción laboral, superiores ao 60%, “convidan a seguir loitando contra esta secuela social do desemprego”.
Telefónica pon en marcha as cinco Lanzadeiras de Emprego galegas
Compartir Este Artigo
