O Castro de San Lourenzo, emprazado en San Pedro de Cereixa (Pobra do Brollón, Lugo) e ligado ás actividades mineiras levadas a cabo en tempos de influencia romana nos séculos I e II, é unha paraxe de gran interese arqueolóxico que, na súa meirande parte, aínda está pendente de amosar os seus tesouros. Grazas en boa medida ao profesor e investigador Xurxo Ayán (veciño de Cereixa), ao compromiso da Asociación María Castaña e ás contribucións dunha familia na emigración, colleu pulo en datas recentes o proxecto común de sacar á luz os segredos do devandito castro. O obxectivo é comezar os traballos este verán, engadíndose estes labores á campaña que suma apoios para a denominación da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Co fin de enxergar con claridade o terreo a tratar botouse man das novas tecnoloxías.
Recursos como Google Earth e as súas imaxes aéreas, ou máis claramente a tecnoloxía LiDAR, foron claves para impulsar as pescudas e coñecer, entre outras cousas, as pegadas (negativas) que deixaron na contorna unha canteira de extracción de area e grixo e máis os repetidos incendios que asolaron a paraxe. Tamén, grazas ao emprego de LiDAR, púidose albiscar o que había embaixo da terra e da vexetación que cobre e circunda o asentamento. Segundo fixo saber Ayán para Sermos Galiza, “grazas á tecnoloxía puidemos facer un escaneo aéreo que elimina a variable da vexetación, deste xeito aparece a orografía orixinal”. Agora o seguinte paso é facer unha prospección xeofísica con xeoradar para dar co miolo do castro e facérense os investigadores unha idea integral do que hai no seu acubillo antes de comezar os traballos propiamente ditos en agosto. Por certo que LiDAR (Light Detection and Ranging), como lembraremos, abrangue baixo esta etiqueta unha serie de sistemas para obter información (nubes de puntos) do terreo dende o ar e botando man de escáners láser. A dita etiqueta significa detección e medición a través da luz e permite determinar a distancia dende un emisor láser a un obxecto ou superficie mediante pulsos de láser, de tal maneira que podan reproducirse nun mapa.
Lembrar tamén, ao fío das ferramentas tecnolóxicas usadas, que o traballo de recuperación do Castro de San Lourenzo ten web de seu, sanlourenzo.net. A páxina, practicamente unha comunidade en liña de investigadores e veciños onde se achegan interesantes historias sobre o asentamento e dáse conta das novidades relativas á súa recuperación (amais dos porqués da súa importancia), permítenos (entre outras moitas cousas) coñecer en detalle o asentamento e, tamén, os traballos a desenvolver. Achega recursos como un blog-caderno de bitácora e información sobre a parroquia e a historia da mesma e do castro, así como dos seus habitantes (tradicionalmente coñecidos como guímaros, ao igual que toda a veciñanza do concello de Pobra do Brollón).
As tecnoloxías axudan a recuperar o Castro de San Lourenzo
Compartir Este Artigo
