
Estas e outras medidas insírense no Plan Senda 2020. Ao abeiro deste programa preténdese que a sede se converta na canle única para todos procedementos e servizos do eido xudicial galego.
O Plan Senda ten outro dos seus piares no visor do expediente xudicial electrónico, que como puidemos saber en marzo vaise implantar en todos os xulgados galegos ao longo de 2016, logo da “estrea” do mesmo (en febreiro) na Audiencia Provincial de Pontevedra (que acolleu a pilotaxe do visor). Trátase, máis polo miúdo, dunha solución multidispositivo que permite aos profesionais da Administración de Xustiza acceder á información do expediente xudicial en formato electrónico, convenientemente ordenada e catalogada.
O visor, ao que se accede mediante certificado dixital, posibilita o acceso á información dos expedientes xudiciais electrónicos relacionados con cada profesional e, segundo sinalaron no seu día AMTEGA e Vicepresidencia, “con totais garantías de seguridade”. Dispón dun buscador avanzado que facilita as procuras, filtrándoas en función das diferentes características dos procedementos ou documentos.
O visor é unha das pezas chave do Expediente Xudicial Electrónico, xunto co sistema de Xestión de Arquivos físicos e pezas de convicción (que se comezou a probar este ano en Ourense) e a devandita sede electrónica xudicial.
Segundo puidemos saber, o visor atópase operativo xa (a día de hoxe) en nove sedes xudiciais galegas, sendo empregado arestora por máis de 260 profesionais da Xustiza.
A sede electrónica xudicial porase en marcha en outubro
Compartir Este Artigo
