Nos últimos anos cobraron grande popularidade as baterías externas, que permite recargar os nosos dispositivos móbiles, pero por desgraza limítanse a trebellos que poden achegar a carga por USB, de xeito que deixan fóra ordenadores portátiles, cargadores de baterías de cámaras fotográficas e outros dispositivos, e para superar tal carencia chega a Indiegogo a batería Omnicharge, que sorprende ao integrar dous portos USB de carga rápida (ata 4,8 amperes) e unha toma de corrente para enchufes estándar, de xeito que poderiamos conectarlle practicamente calquera trebello.
Esta revolucionaria batería externa conta cun deseño compacto, unha pantalla OLED con información sobre a carga en tempo real, opción para carga sen fíos, opción para carga a través dun conector tradicional ou unha toma USB-C, opción para elixir entre un enchufe americano ou europeo e dous modelos con distintas capacidades. Por unha banda estaría a batería Omnicharge con 13.600 mAh de capacidade, que podería cargarse en só 2 horas e podería achegar ata 65 watts a través do seu enchufe tradicional, mentres que a batería Omnicharge PRO chegaría ata os 20.400 mAh, tardaría 3 horas en cargarse e podería entregar ata 100 watts de corrente alterna, o que serviría para alimentar moitos dispositivos (non só cargadores de baterías e pequenos adaptadores de corrente) como ordenadores portátiles.
O prezo da batería Omnicharge estándar sería de 109 dólares, mentres que a Omnicharge PRO custaría 139 dólares, tendo que engadir 18/24 euros de gastos de envío, de xeito que custarían 112 e 144 euros respectivamente, prezos bastante inferiores aos que pretenden ter estes dispositivos cando cheguen ao mercado, de aí que non sorprenda que xa superasen o millón de dólares na súa campaña de micromecenado, quedando 17 días para completala e tendo que agardar os mecenas ao mes de outubro para comezar a recibir estas atractivas baterías portátiles.
Vídeo de presentación das baterías Omnicharge

