Nos últimos anos Samsung apostou seriamente por Android como sistema operativo móbil de referencia, mantendo como posible plan B o sistema operativo Tizen que, por exemplo, empregaba nos seus smartwatches, pero agora vai un paso máis aló e atrévese a lanzar na India o Samsung Z2, un smartphone 4G que funciona con Tizen e que busca captar ao mundo dos smartphones aos usuarios que veñen dun teléfono móbil básico, para o que chega con aplicacións esenciais pre-cargadas (como WhatsApp, Facebook ou YouTube) e unha serie de características desenvolvidas para a India (como un modo S bike, orientado aos vehículos de dúas rodas) e que sairá á venda o vindeiro día 29 en cor ouro, negra, ou vermella viño a un prezo de 4.590 rupias (60,41 euros).
O axustado prezo do terminal xa dá a entender que estamos ante un dispositivo moi básico. Falamos dun smartphone con pantalla WVGA de 4 polgadas, procesador de 4 núcleos a 1,5 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de ata 128 GB), cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, dobre SIM e batería de 1.500 mAh. Un smartphone que servirá para probar se Tizen está preparado para o grande público ou, cando menos, se o público pode aceptar un dispositivo que non funcione con Android nun momento no que o sistema operativo promovido por Google é practicamente un estándar adoptado globalmente.
O Samsung Z2 será o primeiro smartphone 4G con Tizen
Compartir Este Artigo

