Agora que medio mundo cuestiona a finalidade real de estarmos todo o día dándolle ao Pokémon Go é o intre de recordarlle a ese medio mundo que o formato deste xogo social ben pode ter aplicación en múltiples xeitos de mellorar o mundo. Un exemplo disto é Basurikemon, unha alternativa ecolóxica ao coñecido videoxogo de Niantic co que comparte semellante feitura (realidade aumentada, implicación total dos nosos dispositivos, etc) pero cunha finalidade ben diferente. Aquí do se trata é de capturar o lixo das praias.
A orixe da campaña Basurikemon está nas redes sociais, onde se viu a necesidade de aplicar técnicas de gamificación nunha cousa tan seria como o coidado do noso litoral. Dito doutro xeito: Por que non apostar pola diversión ao tempo que sentamos o alicerces dun mundo mellor conservado?
Do que se trata é de implicar a quen pasee pola propia e aos bañistas para que se lancen a capturar lixo da area e do mar e compartilo logo en Twitter e máis en Facebook. A páxina web da campaña serve logo para contar e amosar todas as contribucións dos participantes. O lixo “compartido” preséntase perante a comunicade coa etiqueta #basurikemon. Por suposto, as “normas” do xogo implican que os participantes depositen os refugallos apañados, logo de fotografalos, nos contedores apropiados.
Segundo lembran dende a Tropa Verde, todos os desperdicios teñen nomes semellantes aos personaxes que se capturan en Pokémon Go: Bolsachu son os plásticos; Chanclander, as chanclas abandonadas nas praias; Botellinx, as botellas de plástico e vidro; Pitillachu, as cabichas; Rattalata, as latas de refrescos e de conservas; e Anillynx, as argolas das latas. O xogo-campaña é un proxecto do diario dixital valenciano de información ambiental, Samaruc Dixital, da consultora de AGR Ideas de Valor e da asociación Xaloc.
En marcha un Pokémon Go ecolóxico para limpar de lixo as nosas praias
Compartir Este Artigo
