Aínda que TomTom sexa unha marca que asociemos normalmente aos navegadores GPS, dada a decadencia deste tipo de produtos hai tempo que entraron no mercado dos reloxos deportivos e as pulseiras de actividade, sorprendendo agora cunha innovación nesta liña de produtos, xa que a súa pulseira TomTom Touch non se limita a monitorizar o sono e o pulso e medir a nosa actividade física, senón que sería o primeiro produto deste tipo en incorporar a estas medidas a porcentaxe de graxa corporal e masa muscular, o que agradecen especialmente as persoas que pretenden adelgazar e comezan a realizar exercicio (co que inicialmente poden gañar peso e perder volume, xa que o músculo pesa máis que a graxa, e de fiarse da báscula terían unha percepción errónea da súa progresión).
Actualmente hai moitas básculas que integran sistemas de medición da graxa corporal e a masa muscular, pero ao incorporar esta tecnoloxía nunha pequena pulseira faise moito máis accesible este tipo de medicións, axudando así a coñecer mellor as prácticas deportivas que resultan máis axeitadas para acadar os obxectivos fixados.
A pulseira de actividade TomTom Touch pode xa reservarse a un prezo de 149 euros e non só permite rexistrar os adestramentos nun modo deportivo, medir o pulso e a composición corporal ou facer un seguimento da nosa actividade física, senón que tamén pode sincronizarse co smartphone para recibir notificacións de mensaxes e chamadas directamente no pulso. Tamén podemos destacar que está dispoñible en varias cores (sendo intercambiables as súas correas), é resistente á auga, a súa pantalla é táctil e a súa batería achega unha autonomía de ata 7 días, polo que estamos ante un produto moi completo que pode resultar ideal para quen non queira levar un voluminoso reloxo deportivo.

