De cando en vez nas campañas de micromecenado sorpréndennos con conceptos moi sinxelos que conseguen grande éxito, e iso está a pasar agora con Moonlite, un proxector de imaxes que emprega o flash do smartphone como fonte de luz e que serve para amosar pequenas historias que narrar aos cativos antes de durmir, e que actualmente pode conseguirse no seu paquete básico por 35 dólares (41,48 euros con gastos de envío incluídos) que en poucas horas completou a súa meta de financiamento en Kickstarter, triplicando xa tal cantidade.
Queda confirmado que estamos ante unha boa idea, que ten bastante demanda comercial, pese a que estamos ante un accesorio que polo momento só é compatible con terminais iPhone (a partires do iPhone 6) e Samsung Galaxy S6/S7 e que pretende transformarse en realidade en abril de 2017.
O concepto de Moonlite é moi sinxelo, a que consiste nun accesorio que se coloca no smartphone, e que aproveita o flash para proxectar sobre a parede ou o teito unha serie de imaxes que teremos almacenadas nun disco semellante ao dos visores View-Master, de xeito que podemos xiralo para mudar entre as distintas imaxes que compoñen unha historia para durmir. Esta experiencia aproveita que a fonte de luz é un smartphone apra complementarse cunha aplicación que presenta os contos sincronizados coa imaxe que se vexa en cada momento e que incluso poden enriquecerse con sons (incluso facerse que a aplicación lea os contos en voz alta).
Este produto facilita a recuperación de contos populares (Carapuchiña Vermella ou o Parrulo Feo) e moitas outras historias para durmir ou incluso educativas, coa posibilidade de crear tamén historias personalizdas (podendo cambiar ao protagonista para que sexa o cativo ao que se dirixe) e aínda que esteamos ante un produto desenvolvido en inglés, está claro que esta idea é totalmente internacionalizable, aínda que probablemente teremos que agardar a que Moonlite sexa un produto comercial para velo medrar (sendo bastante probable que aparezan outros proxectos que repliquen a súa mecánica de funcionamento).
Moonlite converte o flash do smartphone nun proxector de contos para durmir
Compartir Este Artigo

