Dende Square Enix tiveron o grande acerto de ofrecer un achegamento no móbil ás súas grandes franquías fuxindo das mecánicas de xogo de seu e optando polo quebracabezas, de xeito que de Tomb Raider naceu Lara Croft GO, para termos logo Hitman GO e Deus Ex GO, títulos que gozaron de grande aceptación en iOS e Android e que agora podemos gozar de balde en dispositivos con Android, xa que Amazon os incorporou ao seu catálogo de Underground Apps, ou sexa, que se instalamos a tenda de aplicacións de Amazon en smartphones ou tabletas poderemos non só instalar estes xogos de xeito gratuíto, senón tamén poder gozar das compras dentro da aplicación sen soltar un can.
Estes xogos levan mes e medio incorporándose ao catálogo de aplicacións Underground, e agora complétanse cunha cuarta, Hitman: Sniper, un xogo de francotirador para dispositivos móbiles que está protagonizado polo Axente 47 de Hitman, e co que teremos máis de 150 misións completamente de balde.
Square Enix ofrece 4 dos seus xogos móbiles de balde a través de Amazon Underground
Compartir Este Artigo
