Un grupo de investigadores da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), liderados por Vicente Moret Bonillo, profesor da área de ciencia da computación e intelixencia artificial e investigador da área Tecnolóxica de Percepción, Cognición e Iteración do Centro de Investigación TIC (CITIC), desenvolveron o proxecto Hypnogram, baseado, tal e como se define na propia epígrafe da iniciativa, na Análise intelixente de sinais neurolóxicas e construción de hipnogramas para detección e interpretación de eventos en síndrome de apnea en sono. O proxecto, ao que podemos achegarnos a través dunha peza audiovisual en YouTube, está financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade na súa convocatoria de Proxectos de Excelencia dentro Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación (2013-2016) e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Hypnogram, informa o CITIC, contou cunha parte moi importante de colaboración internacional, con achegas de investigadores das Universidades da Haia, Amsterdam, Aquisgrán (Alemaña) e Florida. Forma parte de MIASoft, un proxecto máis amplo de seguimento intelixente da síndrome de apneas do sono e ocúpase especificamente da construción de mapas para obter un diagnóstico da actividade cerebral no período no que o paciente que durme está a ser sometido a seguimento.
Os investigadores implicados en Hypnogram lembran que no eido das patoloxías do sono, a polisomnografía é unha técnica de exploración pola que se monitora o soño, rexistrando de forma simultánea distintas variables fisiolóxicas como son a actividade electroencefalográfica, os movementos oculares, a actividade muscular e as variables cardiorespiratorias. Co rexistro dalgúns indicadores obtidos da polisomnografía obtense o hipnograma, que é unha representación gráfica de como se van sucedendo as diferentes fases do sono ao longo dunha noite de rexistro. Como indica o profesor Vicente Moret, “o obxectivo é pescudar a calidade real do descanso dun paciente, un paciente que durme oito horas pode levantarse canso e hai que pescudar o porqué”. Segundo indica, polo regular a devandita circunstancia está asociada a situacións como “microespertares”. E engade: “Se o paciente esperta, o sono é lixeiro, non é reparador e iso pode producir problemas serios de saúde”.

O proxecto Hypnogram xorde precisamente da necesidade de procurar solucións a este tipo de dificultades, tirando proveito dos estándares habituais de seguimento. En base a isto, os investigadores conseguiron realizar unha mellora importante nos algoritmos de detección de eventos no sinal neurolóxica, aplicando a intelixencia artificial na clasificación das etapas do soño do paciente en vixilia, soño lixeiro, soño profundo e fase REM.
Coa parte de I+D desenvolvida contribuíuse a unha axeitada construción do hipnograma, avanzando desta maneira na detección de eventos relacionados cos trastornos de sono e na obtención dun diagnóstico preciso o que, sen dúbida, permite optimizar a terapia oportuna. Ademais, indican os investigadores, a utilización do sistema suporá un aforro considerable de recursos, xa que permite dar forma a unha polisomnografía no ámbito ambulatorio ou mesmo domiciliario, co consecuente aforro de recursos respecto da realización desta proba no ámbito hospitalario.
O profesor Moret aspira a trasladar o produto desenvolvido á sociedade e declara: “A vocación do grupo que dirixo é que os produtos que desenvolvamos sexan de utilidade para o usuario”. Para iso, contará coa colaboración do profesor Volker Perlitz da Universidade de Aquisgrán en Alemaña.
Investigadores da UDC desenvolven un sistema innovador sobre construción de mapas de sono
Compartir Este Artigo

