Nos últimos meses vimos como as aplicacións móbiles de Facebook, Messenger e Instagram clonaban as prestacións máis habituais de Snapchat, procurando convertelas en funcionalidades xenéricas, e agora dende Microsoft sorprenden avanzando nesa mesma dirección con Skype, aplicación que está a renovarse comezando pola súa aplicación para Android, pero que rematará levando os seus últimos cambios tamén a iOS e ao escritorio.
O redeseño de Skype é moi profundo, podendo considerarse que case parten de cero para colocar os chats nun primeiro plano, convertendo os chats de grupo nunha experiencia máis animada e personalizada, o que resulta especialmente visible a través da posibilidade de reflectir reaccións a comentarios na conversa mediante emoticonas (moi na liña do que fai Messenger).
Outra funcionalidade que integrará Skype serán os Momentos, que permiten recoller fotografías e vídeos que se capten coa cámara para logo compartilos con contactos ou grupos para que reaccionen ou sirvan para iniciar unha conversa.
O panel de busca da aplicación está potenciado, de xeito que permitirá consultar os prezos dos billetes para un encontro deportivo a través de bots, buscar receitas a través dun complemento ou chatear cun bot para atopar voos.
Vídeo de presentación da nova versión de Skype
