A ABE de Boiro incorpórase ao Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia

mércores, 1 de outubro do 2025 S. P.

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) converteuse na primeira asociación da comarca do Barbanza e unha das primeiras de Galicia en adherirse ao Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio xestionado polo centro tecnolóxico GaiasTech que recolle máis de 350 empresas galegas e máis de 1.300 produtos e servizos con competencias dixitais.
“Este recoñecemento sitúa á ABE como unha entidade innovadora e referente na dixitalización do comercio e das empresas da contorna de Boiro, destacando as súas capacidades en Dinamización Comercial e Social, Transformación e Competencias Dixitais”, informou o xerente da entidade, Tomás Estévez, engadindo que “ser a primeira asociación da comarca en formar parte deste mapa supón un recoñecemento ao noso compromiso coa transformación dixital, ao tempo que nos permite conectar con outras empresas e proxectos tecnolóxicos, reforzando o desenvolvemento económico e innovador da contorna”
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia forma parte da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030), deseñada pola Xunta, e que promove a especialización tecnolóxica, a colaboración público-privada e a formación dixital da cidadanía.
Para a ABE, formar parte desta rede supón “un paso máis no seu compromiso coa innovación, a dixitalización e o fortalecemento do comercio local, facilitando ferramentas, coñecemento e visibilidade para impulsar o desenvolvemento empresarial”.
A ficha da ABE pode consultarse na web de GaiasTech.