A AETG e PuntoGal xuntan forzas cun obxectivo común: promover o galego nas TIC

venres, 5 de outubro do 2018 Redacción

A asociación PuntoGal e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) asinaron a semana pasada un convenio de colaboración co obxectivo de ampliar as súas accións de colaboración con vistas a promover o desenvolvemento do galego. O impulso á nosa lingua levarase a cabo mediante o uso e incorporación das novas tecnoloxías das telecomunicacións e contribuíndo de forma conxunta á cultura da nosa Comunidade.
O acto de formalización do acordo desenvolveuse coa participación activa dos representantes de ambas as entidades, Manuel González González e Julio Sánchez Agrelo, como presidentes da Asociación PuntoGal e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia respectivamente.
Segundo sinalaron, o obxectivo é xuntar forzas arredor do galego e da cultura de noso, impulsando actividades e proxectos arredor de asuntos que resulten de interese para ambas as entidades, como por exemplo a organización de actividades formativas, eventos de interese común, proxectos e publicacións, etc.
Esta acción enmárcase na colaboración institucional que existe dende a creación do dominio entre ambas institucións e no marco do plan de PuntoGal para incentivar o uso do dominio entre colectivos representativos da sociedade galega.

PUBLICIDADE