A Asociación de Dano Cerebral da Coruña visitou o CITIC

mércores, 29 de novembro do 2023 S. P.

O pasado mércores 22 de novembro, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO) visitou o Demostrador Tecnolóxico e o Laboratorio de Realidade Virtual e Localización do Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC. Durante a xornada, varios usuarios, profesionais sanitarios e alumnas de Terapia Ocupacional probaron os novos desenvolvementos de Realidade Virtual (RV) creados por investigadores do centro. Segundo explicaron estes, as aplicacións presentadas están baseadas en actividades da vida diaria e a súa finalidade é a práctica de habilidades físicas e cognitivas que contribúan a mellorar a independencia das persoas no seu día a día.
No Demostrador Tecnolóxico os asistentes utilizaron a primeira aplicación de RV cuxo obxectivo é o traballo e a monitoraxe da forza das mans, a través de actividades cotiás como, por exemplo, o lavado da louza. Para iso, empregouse o último dispositivo de RV presentado por Meta, as gafas Meta Quest 3, e un sistema de medición de forza desenvolto por investigadores do CITIC que conéctase por Bluetooth ao equipo de RV.
A continuación, no Laboratorio de Realidade Virtual e Localización probouse un supermercado virtual combinado co sistema de movemento cativo Virtuix Omni Prol, que permite un desprazamento total do usuario.
Neste contexto os visitantes puideron practicar diferentes accións habituais nestes establecementos como, por exemplo, facer a compra de produtos dunha lista ou seleccionar os ingredientes adecuados para preparar unha receita de cociña.
Durante o encontro recolléronse as opinións e suxestións dos asistentes. “Estas”, sinala o CITIC, “permitirán corrixir e mellorar ambas as aplicacións co fin de lograr a maior usabilidade e aplicabilidade”.

PUBLICIDADE