A CNMC podería sancionar a Apple por prácticas anticompetitivas

mércores, 24 de xullo do 2024 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) informou hoxe do expediente sancionador aberto contra Apple por supostas condutas contrarias á Lei de Defensa da Competencia e do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
En concreto Apple podería estar a levar a cabo prácticas anticompetitivas consistentes en impor condicións comerciais inequitativas aos desenvolvedores que utilizan as tendas de aplicacións do grupo Apple para distribuír aplicacións aos usuarios de produtos da devandita empresa.
A investigación da CNMC iniciouse de oficio, dada a relevancia que está a cobrar en España a actividade económica que se desenvolve nas tendas de aplicacións, e as prácticas investigadas poderían ser consideradas como unha infracción moi grave da Lei de Defensa da Competencia, que pode traducirse en sancións de até o 10% do volume de negocio total mundial das empresas infractoras no exercicio anterior ao da imposición da multa, aínda que a Comisión pode demorar até 24 meses na instrución do expediente e a súa resolución.