A CNMC podería sancionar a Ibai por non indicar claramente a publicidade nos seus vídeos

xoves, 26 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

O Consello da Comisión Nacional do Mercados e a Competencia (CNMC) abriu un expediente sancionador contra o creador de contido Ibai Llanos por considerar que cometeu unha infracción grave da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual «nun período ininterrompido dun mes das obrigas establecidas no artigo 94» da citada lei «por parte dos usuarios de especial relevancia» o que podería traducirse nunha sanción de entre 30 mil e 750 mil euros.
Aínda que a CNMC non detalla o incumprimento cometido polo coñecido creador de contido, o propio Ibai comentou en X que a sanción chegaría polos vídeos de presentación de artistas da Velada 2025, nos que se amosaban latas de Coca-Cola sen indicar claramente que se trataba de publicidade.
Durante a celebración da Velada era máis que evidente que Coca-Cola era un dos grandes patrocinadores do evento e, aínda que nos vídeos promocionais tamén podía entenderse iso, non deixa de ser certo que Ibai non cumpriu coa obriga de indicar explicitamente que se trataba dunha promoción pagada por unha marca, algo que teñen que facer os grandes creadores de contido ao igual que calquera medio de comunicación de masas.
O procedemento aberto pola CNMC deberá resolverse antes de 12 meses.

Coca-Cola foi un dos grandes patrocinadores da Velada 2025

Un dos vídeos nos que Ibai non indicou claramente o patrocinio da marca de refrescos