A Coruña e Vigo gozarán da cobertura 4G de Orange este mesmo ano

venres, 10 de maio do 2013 Redacción

Como parte da súa estratexia de innovación e investimento en redes de banda ancha, Orange anunciou hoxe que realizará o seu lanzamento comercial 4G o vindeiro 8 de xullo en seis cidades españolas: Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Málaga e Murcia. Antes de final de ano, Orange sumará 9 cidades máis con cobertura 4G ata completar un total de 15 cidades, que son: Zaragoza, Bilbao, A Coruña, Palma de Mallorca, Las Palmas, Alicante, Córdoba, Valladolid e Vigo. En 2014, a compañía continuará co despregamento 4G, co fin de cubrir todas as capitais de provincia españolas.
A tecnoloxía 4G permitirá aos usuarios navegar a velocidades ata 10 veces superiores ás actuais redes móbiles. Ademais, a rede 4G dispón dunha calidade especialmente axeitada para a prestación de servizos que requiren resposta en tempo real como son os xogos en rede e outros servizos multimedia.
O despregamento da tecnoloxía 4G supón un investimento por parte de Orange de 1.100 millóns de euros. Esta cantidade comprende os investimentos realizados para a modernización da rede de acceso e transmisión (400 millóns de euros) e os investimentos específicos na tecnoloxía 4G (700 millóns de euros), incluíndo a adquisición de espectro de 800 MHz e 2.600 MHz.
Para ofrecer os seus servizos 4G, Orange utilizará inicialmente as súas frecuencias nas bandas de 1.800 MHz e 2.600 MHz, co fin de dar a mellor cobertura aos seus clientes. Máis adiante, a compañía fará uso tamén do espectro en 800 MHz aproveitando o adianto na liberalización do chamado dividendo dixital, previsto polo Ministerio de Industria para o 1 de xaneiro de 2014. Na licitación que tivo lugar en verán de 2011, Orange conseguiu a adxudicación de 20 MHz na banda de 800 MHz e de 40 MHz na banda de 2.600 MHz, que se engaden aos 40 MHz que xa dispoñía na banda de 1.800 MHz.
Coa utilización das frecuencias de 1.800 MHz e 2.600 MHz, Orange ofrecerá unha maior velocidade de navegación, que pode alcanzar niveis de pico de ata 150 Mbps. Desta forma, Orange permitirá que os seus clientes gocen da experiencia completa á máxima velocidade posible de 4G nos seus smartphones, tablets e PC, dende o día do lanzamento. Para o despregamento de 4G, Orange utilizará as súas localizacións actuais, que superan as 15.000 estacións, con presenza en todo o territorio nacional. O uso desta densa rede de localizacións permitirá ofrecer unha cobertura continua e completa que garantirá a mellor experiencia para os clientes.
Para este lanzamento, Orange disporá de smartphones, tablets e outros dispositivos 4 G dos principais fabricantes do mercado como LG, Sony, HTC, Huawei e Samsung. En poucos meses se irán incorporando novos terminais, confirmando a aposta de Orange pola democratización dos smartphones con tecnoloxía 4G.

PUBLICIDADE