A Deputación da Coruña e Orgullo Galego fomentarán o uso do galego nas redes sociais

martes, 7 de xaneiro do 2025 S. P.

A área de lingua da Deputación que dirixe a outense Soledad Agra presentou o programa O galego e as redes sociais que desenvolve en colaboración con Orgullo Galego. A deputada Soledad Agra, e o responsábel do medio dixital, Borja Iglesias, deron a coñecer os detalles deste proxecto que nace para “fomentar o uso do galego nas redes sociais, e amosar os contidos que se están desenvolvendo entre a mocidade”.
En concreto, realizaranse 20 obradoiros en centros de ensino público de secundaria da Costa da Morte e Terras de Soneira, impartidos por Orgullo Galego, un colectivo en redes que naceu en 2016 e que na actualidade conta coa comunidade máis grande en lingua galega.
“O seu traballo a prol da difusión e da cultura e da lingua galega é extraordinario, polo que quixemos traballar con el para fomentar o seu uso entre a rapazada, a través dunha ferramenta tan valiosa como son as redes sociais”, destacou a deputada, engadindo que “podemos facer un gran traballo para potenciar o galego nas redes sociais, por iso queremos animar a crear contido na nosa lingua, e tamén amosar todo que se está facendo agora mesmo, que é moito e dunha gran calidade”. Pola súa banda, Iglesias debullou os detalles das charlas, “nas que amosamos a situación actual da lingua nas redes sociais, a súa evolución dende os anos 90, e vemos as canles que hai en galego que falan de temas moi diversos: deporte, ciencia, cultura, tecnoloxía...”. Ademais, dixo, “mostramos que a lingua galega non é un atranco para crear contido, xa que nos permite chegar a milleiros de persoas de todas as partes do mundo, como é o caso de Orgullo Galego”. Estes obradoiros, que xa se desenvolveron noutros centros de Galicia, “teñen unha resposta moi boa, tanto entre os e as galegofalantes como os que non o son, mesmo a raíz destas charlas xurdiron algúns podcast, emisións en Twitch e canles de YouTube en galego”, destacou Iglesias.