A Deputación da Coruña levará a mellor cultura dixital contemporánea ao CEI
venres, 27 de marzo do 2026
A Deputación da Coruña impulsa esta tempada un proxecto innovador asentado nas novas linguaxes e formatos: o proxecto (IN)VISUAL, que levará a mellor cultura dixital contemporánea ao CEI, cunha innovadora serie de concertos audiovisuais inmersivos. Máis polo miúdo, estamos ante un novo ciclo de música audiovisual impulsado pola institución provincial que terá lugar en Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior escenario de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas).
As experiencias levaranse a cabo os sábados 2, 9, 16 e 23 de maio, cun total de catro concertos Live AV e un cartel que contará coa presencia de Maotik, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111. As entradas para esta primeira edición de (IN)VISUAL están xa dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com.
O proxecto está impulsado pola Deputación da Coruña, coa curadoría de HITO: cultura e tecnoloxía, no marco do CEI Lab, unha iniciativa promovida polo Departamento de Desenvolvemento e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña, orientada ao impulso de proxectos emprendedores de base dixital e tecnolóxica. O seu obxectivo é contribuír á vertebración territorial da provincia mediante a innovación e o desenvolvemento sostible.
A entidade provincial sinala que (IN)VISUAL é concibida como “unha experiencia cultural singular, unha cita contemporánea que funciona como relato da cidade do futuro”.
A proposta sitúase nun punto de tensión estética entre dous mundos: o dunha infraestrutura industrial ligada ao pasado produtivo –a antiga Fábrica de Armas da Coruña, onde hoxe sitúase o CEI– e o das prácticas dixitais que están a redefinir o presente e o futuro da cultura.
A Deputación engade que o ciclo acontece “nun espazo industrial que conserva a memoria material da Coruña como cidade de traballo e transformación”. Sobre ese escenario emerxen linguaxes artísticas profundamente contemporáneas como o Live AV, prácticas audiovisuais que combinan son, imaxe e tecnoloxía en tempo real. “Esta superposición constrúe unha narrativa baseada na oposición e na continuidade entre industrial e dixital, pasado e futuro, tradición e innovación”, sinala a Deputación, apuntando que “(IN)VISUAL busca converter o CEI nun espazo cultural de vangarda, atento ás novas prácticas artísticas xurdidas das dixitalidades contemporáneas e como panca de progreso, tamén no terreo do simbólico”.
Para quen non o saiba, Coruña Estudio Inmersivo, o CEI, é o maior estudio de produción virtual de España, chamado a liderar a nova xeración de producións audiovisuais en Europa. Está situado na Cidade das TIC da Coruña e ocupa unha nave de 2.000 metros cadrados, que alberga un escenario inmersivo de 800 metros cadrados, equipado “coa tecnoloxía máis vangardista en realidade virtual, aumentada e estendida”, en palabras da Deputación. O proxecto, co-financiado pola Administración provincial polo Goberno de España a través de fondos europeos Next Generation, supuxo un investimento de 9 millóns de euros.
O CEI permite crear escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas que reproducen con absoluta precisión calquera localización real ou ficticia que poden interactuar con elementos físicos en tempo real. “Trátase dun centro de primeiro nivel en Europa, cunha infraestrutura que permite á industria galega, nacional e internacional producir contidos sen límites técnicos, combinando localizacións naturais con escenarios virtuais inmersivos”, apunta a Deputación.
O CEI, baixo o amparo da Deputación da Coruña, está xestionado por Pedralonga Estudios, sociedade creada polo Clúster Audiovisual Galego que agrupa ás principais produtoras de Galicia como Portocabo, Vaca Films, Voz Audiovisual, Zenit, Congo, Undodez, Avendaño Estudio, Tex45, Siete Media e Marcote.
Este modelo público-privado axuda non só a consolidar o CEI como centro de rodaxe e produción de contidos virtuais, senón tamén como punto de formación, innovación e xeración de emprego cualificado dentro do sector audiovisual galego. Cunha combinación única de talento, tecnoloxía e investimento, en apenas un ano de vida, o CEI está a posicionar a Galicia como destino audiovisual competitivo a nivel europeo e internacional, ademais de ser un referente da produción audiovisual inmersiva en España.
Este complexo audiovisual único sitúase na Cidade das TIC, a poucos minutos do centro da cidade e a menos de 5 km do aeroporto da Coruña. “É un espazo de futuro no que a produción audiovisual se fusiona coa industria das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e a formación, impulsando a innovación, o talento e o desenvolvemento económico da nosa comunidade”, conclúe a Deputación.
