A Deputación de Pontevedra inicia un ciclo formativo sobre ciberseguridade e IA para pemes e administracións públicas
luns, 19 de maio do 2025
A Deputación de Pontevedra inaugura este martes ás 12.30 horas no Edificio Administrativo da institución provincial, a primeira das tres sesións formativas sobre ciberseguridade, ciberdelincuencia e Intelixencia Artificial. A iniciativa está dirixida a profesionais de pequenas e medianas empresas e do sector público, en colaboración co Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal e Gradiant.
Baixo o título Desenmascarando as técnicas dos ciberdelincuentes, esta primeira sesión será impartida por Borja Pintos, responsable técnico de ciberseguridade industrial de Gradiant. Ao longo dunha hora, os asistentes poderán coñecer, a través de exemplos reais, os métodos máis empregados polos ciberdelincuentes, como o phishing ou a clonación de voz por IA, ademais de recibir consellos prácticos para previr ataques e mellorar a súa protección.
O ciclo continuará o vindeiro 27 de maio ás 13:00 horas cunha sesión en liña titulada Intelixencia Artificial e Ciberseguridade: novos retos, novas regras, a cargo de Víctor Salgado, socio-director de Pintos&Salgado. Esta formación abordará os riscos e desafíos que supón o uso da IA xenerativa na ciberseguridade, como as deepfakes ou a manipulación automatizada de contido, e incluirá unha análise do novo Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial.
Finalmente, en xuño está prevista unha terceira acción formativa que consistirá nunha demostración práctica centrada na cesión de ferramentas e servizos de ciberseguridade. Todas estas actividades enmárcanse no Grupo de Traballo de Empresas do Nodo CIBER.gal, do que a Deputación é entidade fundadora.